A débeda pública de Galicia ascende a case 11.000 millóns, o 19% do seu PIB

A pesar dos índices de recuperación dos que fala a Xunta, a débeda subiu un 7,4% no último ano e un 2,6% no primeiro trimestre deste ano.

Por E.P. | Compostela | 15/06/2016 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Xunta di que Galicia vai ben, pero a súa débeda pública subiu un 2,56% no primeiro trimestre en relación co anterior, de forma que alcanzou os 10.641 millóns de euros, un 19% do produto interior bruto (PIB) da comunidade, segundo os datos que publica este mércores o Banco de España.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, con Feijóo, nun Consello da Xunta | Fonte: Xunta

Así, en comparación co cuarto trimestre de 2015, o que supón a débeda pública galega con respecto ao PIB incrementouse catro décimas (de 18,6% a 19%). Se a comparativa se fai co primeiro trimestre de 2015, a débeda pública galega é un 7,42% superior en termos absolutos e sete décimas superior en cociente sobre o PIB.

Os 10.641 millóns de euros de débeda da comunidade autónoma repártense en 4.845 millóns en valores a longo prazo e 5.796 en préstamos. Destes últimos, 2.512 correspóndense con institucións financeiras, 1.713 co fondo de financiamento a comunidades autónomas do Goberno central, 396 con asociacións público-privadas e 1.175 co resto do mundo.

Ademais, o Banco de España reflicte que a débeda de empresas públicas de Galicia que non se inclúen no sector de administracións públicas é de 30 millóns no primeiro trimestre, isto é, nove millóns inferior á do cuarto trimestre do pasado ano e 14 menos que no mesmo período dese exercicio. Con todo, mantense, redondeada a taxa, nun 0,1% do PIB.

Sobe no conxunto do Estado

A débeda do conxunto das administracións públicas bateu marcas no primeiro trimestre, até os 1,095 billóns de euros, e escalou até o 100,5% do PIB, segundo os números do Banco de España, que pon de manifesto que o endebedamento público segue crecendo.

En concreto, a débeda pública incrementouse un 2,14% respecto ao último trimestre de 2015, cando se situou no 99,2% do PIB, mentres que con respecto ao primeiro trimestre de 2015, rexistrou un aumento do 4,1%.

Do total da débeda pública en mans das administracións públicas, o 87,7% (962.147 millóns de euros) correspóndese co endebedamento da Administración Central, mentres que as comunidades autónomas supoñen o 24,1% da débeda total (264.174 millóns) e as corporacións locais, o 3,2% (35.083 millóns). Pola súa banda, a Seguridade Social conta co 1,5% de todo o endebedamento (17.188 millóns).

Dentro das comunidades autónomas, Cataluña (72.278 millóns de euros), Comunidade Valenciana (41.953 millóns), Andalucía (31.484 millóns) e Madrid (28.380 millóns) seguen concentrando dous terzos de toda a débeda en mans dos gobernos autonómicos no primeiro trimestre. En todos estes casos a débeda creceu respecto ao trimestre anterior, salvo a da Comunidade Valenciana, que se mantivo exactamente igual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xose

A débeda non se mide en termos absolutos, mídese en función do PIB, porque é obvio que Galicia sempre vai ter máis débeda ca Rioxa. En débeda/PIB, Galicia é unha das comunidades con menos débeda de España aínda que non o poñades na noticia.

1 anonimo

Con esta xente vamos para atrais: paro e precariedade, debeda publica, emigracion e problemas demograficos, privatizacions, a sanidade peor ca nunca, a situacion da lingua galega, sectores económicos galegos en crise, etc. Agora siganlles a votar e vez de tomar exemplo dos valencianos.