Por E.P. | Ourense | 17/06/2016 | Actualizada ás 09:25
O PSdeG acusou á Xunta de "intentar tapar un posible pelotazo" cometido polo sogro de José Manuel Baltar, o exalcalde da Mesquita (Ourense) Gabriel Caldelas, coa "rehabilitación e venda da antiga casa rectoral de Chaguazoso, neste municipio, ao empresario Mario Conde.
Así o denunciou a deputada socialista Noela Blanco nun comunicado despois de que, segundo indicou, a Xunta admitise "irregularidades nas axudas concedidas para a rehabilitación do inmoble en 1998".
Segundo asegura a parlamentaria socialista, o Goberno galego "admite confirmar a inactividade da rectoral en 2013" e que sancionou ao titular do establecemento por "incumprir a obriga de dedicar o inmoble a turismo rural durante os 15 anos posteriores á recepción das axudas públicas".
Ademais, a deputada socialista esixiu saber se a sanción que anuncia a Xunta busca ser a "maquillaxe" coa que "tapar" un posible "pelotazo". Ademais, sinalou que, dado que esta propiedade non estaba destinada a turismo rural dende o momento no que foi adquirida por Conde, se debe clarificar se o establecemento foi dedicado a este fin mentres pertencía ao sogro de Baltar.
Pide as facturas
Ante estas cuestións, a deputada socialista avanzou que reclamará as facturas que confirmen que as axudas que recibiu o exrexedor Gabriel Caldelas foron destinadas á rehabilitación das instalacións.
Ademais, esixiu á Xunta que esclareza se a obriga de devolver as axudas afecta o beneficiario inicial, o sogro de Baltar; se concirne á contía recibida da Unión Europea (UE); e se se comunicou esta situación ás autoridades comunitarias encargadas de loitas contra a fraude e a corrupción.
Respecto a esta situación, a deputada advertiu do "escurantismo" co que a Administración autonómica tratou esta fraude e sinalou que o Goberno galego "escondeu" este caso ata que os socialistas presentaron unha pregunta parlamentaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.