Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/06/2016 | Actualizada ás 14:09
A pesar dos malos resultados colleitados este domingo, a coalición de En Marea --Podemos Galicia, Anova e Esquerda Unida-- anunciou que non renuncia a liderar o cambio na Xunta nas vindeiras autonómicas. Un paso que, en todo caso, dará logo de realizar un proceso de "autocrítica" e "reflexión" interna sobre os resultados obtidos este 26 de xuño e que lle supuxeron perder máis de 60.000 votos con respecto a decembro e un escano por Ourense, ademais dun Senador.
“Os resultados non son os esperados por En Marea”, dixo a deputada Yolanda Díaz que, en todo caso, responsabilizou da baixada da súa formación á campaña "do medo" do PP e o resultado do referendo en Reino Unido. En Galicia, advirten unha "recomposición" da dereita en torno ao PP, pero resaltan que houbo unha "consolidación do espazo de cambio en Galicia representado polas mareas".
En todo caso, a número un por Pontevedra, Alexandra Fernández, admitiu que, a diferencia do acontecido en decembro, desta volta houbo “un voto nacionalista que quedou no aire", pero non quixo aclarar cal son as causas ata coñecer "tódolos datos" para esta reflexión.
Pola súa banda, o número un por A Coruña, Antón Gómez-Reino, recoñeceu as discrepancias internas que existiron dentro da coalición. “Houbo espazos que non se sentiron cómodos co proceso, como son algunhas mareas municipalistas, polo que hai que tratar de sumar este espazo de En Marea ás persoas que quedaron fóra”, suliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.