Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/06/2016 | Actualizada ás 12:40
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera “deplorable” que o xornal Diario de Ferrol decidise publicar o pasado día 26 nas súas páxinas de opinión, un artigo asinado polo colaborador José Luis Patiño que, baixo o título “Hasta el culo”, constituía un ataque encarnizado contra o colectivo LGTBI (lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais).
“De ningún modo podemos tolerar que se chame a “actuar con valentía” reivindicando o día do orgullo hetero, e cualificando ás persoas LGTBI de “gays y maricallos; lesbianas y machorras; bisexuales, trisexuales, transexuales, hermafroditas y bestialistas”, apunta o CPXG nun comunicado.
O artigo orixinou unha onda de protestas nas redes sociais e motivou que a plantilla do Diario de Ferrol publicase un comunicado no que rexeitaron e lamentaron tal actuación; pediron perdón e esixiron que o autor do texto fixese o mesmo.
O CPXG considera axeitado que o diario retirase a publicación da súa páxina web, pero lamenta que non houbese desculpa por ter difundido unha peza escrita en linguaxe insultante e totalmente carente de respecto polas persoas que teñen orientacións sexuais diferentes.
“É tarefa da profesión xornalística abordar os problemas da sociedade con rigor, mesmo cando se trata de opinar; e nada ten que ver a defensa da liberdade de opinión co apoio a expresións de odio e intolerancia como as que no artigo utilizou o seu autor”, conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.