Galicia participa nunha campaña europea para estimar a abundancia de cetáceos no Atlántico

O Centro Oceanográfico de Vigo lidera a campaña española do proxecto SCANS-III, no que partcipan tamén Dinamarca, Francia, Alemaña, Países Baixos, Noruega, Portugal, Suecia e Reino Unido.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/07/2016 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

Galicia xogará un papel clave nunha campaña internacional a gran escala para estimar a abundancia de cetáceos en augas do Atlántico europeo. Será mediante o Instituto Español de Oceanografía (IEO), que liderará unha das campañas, que se levará a cabo a bordo do buque oceanográfico Ángeles Alvariño en augas oceánicas do Golfo de Biscaia e do oeste da plataforma galega. 

Dous exemplares de balea no Banco de Galicia
Dous exemplares de balea no Banco de Galicia | Fonte: CEMMA.

O proxecto, denominado SCANS-III, conta con tres barcos oceanográficos e sete avionetas que farán mostraxes simultáneas do Atlántico europeo. Trátase da continuación de iniciativas similares levadas a cabo en 1994 e 2005-2007, cuxo obxectivo é o estudo a gran escala da distribución e a estimación da abundancia de cetáceos en augas oceánicas. Para iso, a mostraxe consistirá nun percorrido en ziz-zag durante o cal un equipo de observadores buscará evidencias da presenza e número de baleas, golfiños e toniñas, ademais de tomar mostras de auga para determinar se é posible detectar tamén a súa presenza mediante a análise de ADN na auga de mar.

Grazas a SCANS-III poderase determinar se houbo cambios na distribución e abundancia das diferentes especies de cetáceos ao longo destas dúas últimas décadas no Atlántico europeo. Mediante o estudo das tendencias das poboacións poderase coñecer o estado de conservación de varias especies de cetáceos e farase á escala espacial bioloxicamente apropiada, xa que cubrirá a área de distribución das poboacións.

A información obtida deste tipo de campañas é esencial para informar as medidas de xestión que aseguren a conservación destas especies en todo o Atlántico europeo.

O proxecto conta co apoio dos gobernos de Dinamarca, Francia, Alemaña, Países Baixos, Noruega, Portugal, España, Suecia e o Reino Unido. A campaña española levarase a cabo do 2 ao 29 de xullo a bordo do buque oceanográfico do IEO Ángeles Alvariño e cubrirá as augas oceánicas do Golfo de Biscaia e do oeste da plataforma galega.

A campaña está dirixida por Begoña Santos Vázquez, xefa da área de Pesqueiras do IEO, na primeira parte, e por Xulio Valeiras Mota, investigador do IEO, na segunda parte, ambos os dous do Centro Oceanográfico de Vigo. O resto do equipo científico da campaña estará composto por un equipo de observadores pertencentes a diversas organizacións.

A información sobre a campaña poderá seguirse en http://synergy.st-andrews.ac.uk/scans3/.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta