Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/07/2016 | Actualizada ás 08:00
"Son un militante do BNG desde hai bastantes anos. Son unha persoa militante de base; nada máis; nada menos. O meu traballo de base desenvólvoo na miña localidade, ao carón da xente e dos seus problemas, que non son poucos, especialmente motivados pola obrigada dependencia do pobo galego a respecto de España e das decisións políticas que se toman en Madrid, mais tamén na Unión Europea. Decisións que transformaron, para mal, o país no que eu vivo e traballo, e que empuxan a non poucas mozas e mozos á emigración, como ocorría hai 200 anos". Así comezan as "reflexións dun militante de base do BNG".
Este é o título dun blog que xurdiu esta fin de semana, curiosamente, logo de facerse público o xa coñecido como 'Chamamento de Vidán', no que case un cento de persoas, a maior parte delas militantes nacionalistas, apostan por crear as bases dunha "organización nacionalista de nova planta". Entre os asinantes deste manifesto están Carme Adán, Xavier Vence, Tereixa Paz, Ana Miranda ou Alba Nogueira, que reclaman un xiro na estratexia do BNG e das mareas. Como primeiro paso propoñen unha manifestación o 25 de Xullo común con "todos os galegos, galeguistas e nacionalistas".
O blog "Reflexións dun militante de base do BNG" foi xa compartido case un milleiro de veces nos poucos días que está activo. E, aínda que non está asinado por ningún militante concreto do BNG, as o manifestacións que fai están na liña das opinións oficias da Executiva nacionalista.
A "voz" dos galegos
Así, e tras destacar o papel do BNG ao longo dos últimos anos, critica que haxa intereses por que desapareza a voz dos galegos. E, neste sentido, coincidindo precisamente co "Manifesto de Vidán", critica os numerosos manifestos publicados desde o entorno nacionalista.
"Ao longo de todos estes anos tamén lin centos de manifestos críticos coa organización na que milito que prometían pouco menos que un paraíso terreal para a nosa organización. Vin cargos orgánicos que cuestionaron publicamente as decisións democráticas que aproba a militancia para ao final rematar de cabeza de lista do PSOE para as vindeiras eleccións Galegas. Vin militantes históricos que dicían que un día que eran do BNG até as cachas para ao día seguinte acabar indo da man dun partido español, que cun dobre discurso na periferia e no centro conseguiu engaiolar a non pouc@s incaut@s. Alá eles!", indica.
De feito, compara ao BNG cunha muller maltratada. "O BNG é esa muller que xa non atura máis malleiras. Estamos nun momento crítico, claro que si, pero a solución aos nosos problemas non pasan por escribir o enésimo manifesto para poñer unha vez máis a organización en carne viva, acaparando titulares que se lle furtan á intensa actividade institucional da organización na que milito", engade.
No BNG "collen todos"
Por iso, e tal e como ten suliñado a Executiva do BNG, insiste en que no BNG "collen todos", sen necesidade de fundar novas forzas nacionalistas. "Para min segue a ser a casa común do nacionalismo. Traballemos para mellorala aproveitando o Proceso Adiante que se puxo en marcha hai uns meses, tendo o consenso como horizonte, pero respectando as decisións democráticas que aprobamos entre todas e todos, só así avanzaremos e melloraremos, o resto son paus nas rodas", recolle.
E, a pesar dos problemas, esta reflexión iniste en que "o BNG non está esgotado". "Que ninguén confunda o seu esgotamento ideolóxico persoal coa da organización na que milita ou simpatiza. Como dixen, non é doado ser nacionalista nun país como o noso que nas pasadas eleccións xerais o 94,55% do electorado votou a forzas políticas de ámbito estatal. Con estes datos tan demoledores o doado é entregarse, no canto de seguir pelexando por unha Galiza mellor e con futuro, que o ten, logo de que o BNG se levante da última malleira recibida, que agardemos sexa a derradeira".
O autor do blog aclara que o seu non é "un manifesto", senón unha "reflexión dun militante de base". "Ao mellor non compartes ao 100% todo o que aquí dixen, pero seguramente coma min queres o mellor para o BNG e para Galiza e xa non aturas máis paus nas rodas que nos impiden avanzar. Se es das galegas e galegos que non te resignas, que queres avanzar, podes compartir esta reflexión con quen ti estimes oportuno", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.