Unha web chama a unidade dentro do BNG

"Reflexións dun militante de base do BNG" é un blog xurdido tras o "Chamamento de Vidán" que insiste na validez do proxecto nacionalista e apunta que o BNG "non está esgotado" e é unha formación na que "collen todos".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

"Son un militante do BNG desde hai bastantes anos. Son unha persoa militante de base; nada máis; nada menos. O meu traballo de base desenvólvoo na miña localidade, ao carón da xente e dos seus problemas, que non son poucos, especialmente motivados pola obrigada dependencia do pobo galego a respecto de España e das decisións políticas que se toman en Madrid, mais tamén na Unión Europea. Decisións que transformaron, para mal, o país no que eu vivo e traballo, e que empuxan a non poucas mozas e mozos á emigración, como ocorría hai 200 anos". Así comezan as "reflexións dun militante de base do BNG".

Manifestación do BNG no Día da Patria de 2014
Manifestación do BNG no Día da Patria de 2014

Este é o título dun blog que xurdiu esta fin de semana, curiosamente, logo de facerse público o xa coñecido como 'Chamamento de Vidán', no que case un cento de persoas, a maior parte delas militantes nacionalistas, apostan por crear as bases dunha "organización nacionalista de nova planta". Entre os asinantes deste manifesto están Carme Adán, Xavier Vence, Tereixa Paz, Ana Miranda ou Alba Nogueira, que reclaman un xiro na estratexia do BNG e das mareas. Como primeiro paso propoñen unha manifestación o 25 de Xullo común con "todos os galegos, galeguistas e nacionalistas".

O blog "Reflexións dun militante de base do BNG" foi xa compartido case un milleiro de veces nos poucos días que está activo. E, aínda que non está asinado por ningún militante concreto do BNG, as o manifestacións que fai están na liña das opinións oficias da Executiva nacionalista.

A "voz" dos galegos

Así, e tras destacar o papel do BNG ao longo dos últimos anos, critica que haxa intereses por que desapareza a voz dos galegos. E, neste sentido, coincidindo precisamente co "Manifesto de Vidán", critica os numerosos manifestos publicados desde o entorno nacionalista.

"Ao longo de todos estes anos tamén lin centos de manifestos críticos coa organización na que milito que prometían pouco menos que un paraíso terreal para a nosa organización. Vin cargos orgánicos que cuestionaron publicamente as decisións democráticas que aproba a militancia para ao final rematar de cabeza de lista do PSOE para as vindeiras eleccións Galegas. Vin militantes históricos que dicían que un día que eran do BNG até as cachas para ao día seguinte acabar indo da man dun partido español, que cun dobre discurso na periferia e no centro conseguiu engaiolar a non pouc@s incaut@s. Alá eles!", indica.

De feito, compara ao BNG cunha muller maltratada. "O BNG é esa muller que xa non atura máis malleiras. Estamos nun momento crítico, claro que si, pero a solución aos nosos problemas non pasan por escribir o enésimo manifesto para poñer unha vez máis a organización en carne viva, acaparando titulares que se lle furtan á intensa actividade institucional da organización na que milito", engade.

No BNG "collen todos"

Por iso, e tal e como ten suliñado a Executiva do BNG, insiste en que no BNG "collen todos", sen necesidade de fundar novas forzas nacionalistas. "Para min segue a ser a casa común do nacionalismo. Traballemos para mellorala aproveitando o Proceso Adiante que se puxo en marcha hai uns meses, tendo o consenso como horizonte, pero respectando as decisións democráticas que aprobamos entre todas e todos, só así avanzaremos e melloraremos, o resto son paus nas rodas", recolle.

E, a pesar dos problemas, esta reflexión iniste en que "o BNG non está esgotado". "Que ninguén confunda o seu esgotamento ideolóxico persoal coa da organización na que milita ou simpatiza. Como dixen, non é doado ser nacionalista nun país como o noso que nas pasadas eleccións xerais o 94,55% do electorado votou a forzas políticas de ámbito estatal. Con estes datos tan demoledores o doado é entregarse, no canto de seguir pelexando por unha Galiza mellor e con futuro, que o ten, logo de que o BNG se levante da última malleira recibida, que agardemos sexa a derradeira".

O autor do blog aclara que o seu non é "un manifesto", senón unha "reflexión dun militante de base". "Ao mellor non compartes ao 100% todo o que aquí dixen, pero seguramente coma min queres o mellor para o BNG e para Galiza e xa non aturas máis paus nas rodas que nos impiden avanzar. Se es das galegas e galegos que non te resignas, que queres avanzar, podes compartir esta reflexión con quen ti estimes oportuno", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 26 comentarios

9 marin

E non ten nome ese militante de base? A ver se vai ser Bieto Lobeira?

8 Pardo de Cela

Galicia precisa un partido nacional. Non supeditado a ningunha forza allea. Martiño e Beiras nas mareas son a vella historia repetida mil veces na historia de Galicia, son uns nacionalistas traballando para o inglés, talmente coma Xerardo Estévez ou Ceferino ou o Xocas do PSG no PSOE, talmente coma os galeguistas coma Agostiño Sixto Seco no PP e tantos centos de persoas. Desde forzas de Madrid non se defende Galicia. Ou defendes a Xarda ou defendes a Caballa, ou defendes o naval galego ou os asteleiros de Cádiz, ou as nosas infraestruturas ou as de fóra, ou a nosa língua ou a de fóra. É triste ver a tantos nacionalistas arrimados ó cabalo gañador e xustificarse tan só porque é o cabalo gañador. No século XV estarían vendidos ós reis católicos. Están mortos, traballan para o inglés por un prato de lentellas e non o saben....

7 galego con ollos na cara

O problema é que os que marcharon andan dando peniña nunha coalición que funciona como unha coalición, con pactos de cúpulas dos partidos que a forman. Por moito que falen de "proceso", o proceso é ese, non hai proceso ningún. E para poder mandar algo nesa coalición vailles a vida e o carguiño ser máis fortes, ter máis militancia. E de onde obteñen a militancia?, pois falando de que o BNG non é democrático, é autoritario, non se pode respirar ahí, etc... Alguén terá que mirar o seu embigo e mirar neste tema quen ten o comportamento máis cínico e menos ético....

6 Galego

Todos falan sen coñecemento do que é o BNG, o gran "problema do BNG é a sua gran cualidade" ser democratico e asambleario e moi difícil, nos últimos anos a medida que sectores perdían asambleias democráticamente montaban o seu chiringuito e facían campaña en contra do BNG a parte da marcharse escalonadamente para facer máis dano, todos falades que si UPG que si sectarismo que si gaitas... tanto criticar sen xustificar xa aborrece, o BNG debe facer autocrítica pero os que marcharon algo de culpa terán.

5 Ana

A solución aos problemas de Galiza nunca vira dende Madrid ou Bruxelas pq eles non nos ven como o que somos: unha nación con identidade propia e con sectores económicos propios (pesca, lácteo, etc), unha nación que foi un dos primeiros e mais importantes reinos que existiron na península ibérica, donde naceu o idioma galego-portugues e con un pobo con talento e valente. A terra donde naceu o descubridor de America e moitas persoas ilustres. Non, eles vennos coma unha rexion de España que debe seguir sumisa a Madrid e donde hai que impor o castelan no ensino e na economia e o galego que quede relegado ao rural e o ámbito familiar. E por suposto, se os galegos emigran en vez de reivindicar os seu dereitos, mellor.

1 colón

Descubridor de América? O continente xa estaba alí, Ana. Facilitador / propiciador do espolio mellor. Documéntate, o propio Castelao ten un debuxo ben ilustrativo.