Temas: TREN RENFE FEVE

Renfe suprime o tren de mercadorías que une Galicia con Euskadi

Fomento alega falta de maquinistas na liña Xove-Ariz. CCOO denuncia que «continúa o proceso de desmantelamento» do transporte de mercadorías por ferrocarril.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 13/07/2016 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Renfe suprimiu o servizo de mercadorías que saía acotío do concello lugués de Xove con destino a Ariz (en Biscaia). Este tren circulaba pola rede de ancho métrico —antes FEVE— cargado de aluminio e madeira. Fomento alega falta de maquinistas para deixar sen servizo este tren.

Tren de mercancías que une Xove con Ariz (Biscaia), suprimido por Renfe
Tren de mercancías que une Xove con Ariz (Biscaia), suprimido por Renfe

A supresión do tren levará a que se intensifique o transporte por estrada. Deste xeito, os oitenta vagóns semanais traduciranse nuns 150 camións máis polas estradas, co incremento de contaminación, conxestión viaria e maior consumo enerxético, segundo apunta CCOO.

Este sindicato denuncia que, con este paso, «continúa o proceso de desmantelamento» do transporte de mercadorías por ferrocarril, que se suma á recente desaparición do de contedores da Coruña —estación de San Diego— e á supresión do posto de maquinista de mercadorías desa mesma terminal. Denuncia que o servizo cóbrese traendo a diario —en taxi— profesionais desde Monforte de Lemos.

Severino Rodríguez, coordinador do sector ferroviario de CCOO de Galicia, alerta de que a falta de maquinistas está provocando a supresión de «múltiples frecuencias». Esta decisión prexudica «gravemente», di, ás empresas transportistas que investiron neste sistema de transporte intermodal, pero tamén o seu persoal e a carga de traballo dos traballadoras e traballadores de circulación do ADIF.

Desde CCOO critican o abandono do transporte de mercadorías por ferrocarril, que no estado español representa, de media, o 3,8 % do total, mentres que a media europea se sitúa no 15,5 %. Por esta razón, o sindicato esixe un «verdadeiro plan de investimentos» para cambiar a situación.

Temas: TREN RENFE FEVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Balbino de Neira Vilas

Sí, aquí vamos sempre ao revés de todo. Mentres en Europa se potencia o transporte por ferrocarril, por rentabilidade, ecoloxía, sustentabilidade e economía, sobre todo se é electrificado, aquí imos no senso contrario. O mesmo coa enerxía eolica e solar. ¿que intereses hai en potencial o transporte por estrada? ¿Que lobies presionan? Desastre de país.

1 viriatez

é sPañistán !!! Supoño que o posto de traballo que se perde compensarase cos dez ou quince necesarios para seguir todos os blogues, redes sociais, guasaps, e demais, por se aparece algunha inxuria, incitación ao odio, á violencia, á desafección, ao descontento, aos bufidos, e incluso á indiferencia, relacionadas coa medida.