Selo de excelencia Fecyt para as revistas ‘Ágora’ e ‘Estudos de Lingüística Galega’

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología outorga o seu selo de calidade a estas dúas publicacións da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/07/2016 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

As revistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ágora. Papeles de Filosofia Estudos de Lingüística Galega veñen de superar a quinta convocatoria de avaliación da calidade editorial e científica das revistas científicas españolas da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT),  polo que reciben o selo de calidade que as distingue como ‘excelentes’ xunto a outras 109 revistas dun total de 354 concorrentes.  Estas dúas publicacións súmanse ao anuario de filoloxía Verba que conta co selo FECYT dende 2014, informa a USC.

Exemplares das revistas da USC 'Ágora. Papeles de Filosofia' e 'Estudos de Lingüística Galega'.
Exemplares das revistas da USC 'Ágora. Papeles de Filosofia' e 'Estudos de Lingüística Galega'.

A comisión de avaliación salientou que Ágora é unha revista “claramente orientada a difundir a investigación nos diferentes campos da Filosofía” e que cumpre unha función “importante para a difusión en lingua castelá prioritariamente, pero tamén en portugués ou en inglés”, o que a converte nun medio idóneo “para vertebrar a comunicación/difusión de resultados da investigación dun nivel medio entre a comunidade filosófica hispana e a latinoamericana”.  

Ágora. Papeles de Filosofía foi fundada en 1980 polo profesorado dos departamentos de filosofía da USC, que a veñen substentando ata a actualidade, coa intención de visibilizar a investigación en filosofía feita en Galicia e póla en diálogo coa comunidade filosófica hispana e internacional. Nestes 35 anos publicou monográficos, estudos, notas e recensións, fundamentalmente en castelán, galego, portugués e inglés.  

Pola súa banda, a revista dixital nativa promovida e fundada en 2009 polo Instituto da Lingua Galega, Estudos de Lingüística Galega, conta con importantes índices que acreditan a súa excelencia e aos que agora se suma a Fecyt. Así, na clasificación MIAR (Matriz de Información para Análise de Revistas) a publicación ascende dous puntos dende 2015, situándose nun ICDS (Índice Composto de Difusión Secundaria) de 9,3. 

Por outra parte, a CIRC (Clasificación Integrada de Revistas Científicas) do grupo de métrica EC3metrics cualifica Estudos de Lingüística Galega como revista A en Ciencias Humanas, unha categoría integrada polas “revistas de maior nivel e prestixio que superaron procesos de avaliación moi esixentes para o seu ingreso en bases de datos, cuxo impacto lles permite manterse en posicións de referencia”.   

Para a dirección do Servizo de Publicacións, que edita  dixitalmente todas as revistas da USC na plataforma Rev{USC}. Portal Dixital de Revistas da USC, a obtención destes recoñecementos e melloras en índices confirma que a edición dixital das publicacións periódicas académicas co software de código aberto Open Journal System, cada vez máis estandarizada en todo o mundo e implementada na USC en 2012, contribúe directamente ao posicionamento, visibilidade,  impacto e prestixio das revistas, factores hoxe estratéxicos na comunicación científica internacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ágora, premiada...? O malo é que non a coñece ninguén, e polo tanto tampouco se le en ningures... é o que ten publicar artigos como trámite para teses de doutoramento... Noraboa, logo...!