Temas: DVICIO

Aprende a catar viño cun dos maiores expertos do país

«Certificado en Cultura do Viño», nivel básico e nivel avanzado, son as dúas propostas ofertadas por Afundación en colaboración co Instituto Galego do Viño. Os obradoiros impartidos por Xoán Cannas comezarán o vindeiro 29 de setembro e prolongaranse ata maio de 2017. Os prezos parten dos 80 euros.

Por GC Tendencias | | 05/09/2016 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

Afundación presenta, a partir do vindeiro 29 de setembro, un programa de cursos de cata de viños coordinados polo sumiller e director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas. A proposta ofrece dúas modalidades, unha certificación de nivel básico dirixida a amantes e afeccionados da cultura vitivinícola na procura dun primeiro achegamento ao mundo do viño, e outra de nivel avanzado orientada a profesionais do sector. Os cursos rematarán en maio de 2017 e o primeiro deles, que terá lugar na sede de Vigo nos próximos días, xa ten a totalidade de prazas cubertas. 

Xoan Canas, catador
Xoan Canas, catador | Fonte: afundacion

A oferta formativa será extensible ás sedes Afundación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. As inscricións poden realizarse a través das canles habituais de venda de Afundación, como por exemplo en Ataquilla.com.

OS CURSOS

O obxectivo do programa é achegar aos amantes do viño os conceptos necesarios para a súa interpretación e goce, ademais de desenvolver a súas capacidades de cata. En palabras de Xoán Cannas, «estes certificados son a mellor maneira de que afeccionados e profesionais poidan achegarse á cultura do viño de forma sinxela, gozando e aprendendo ao mesmo tempo». No nivel básico, os participantes achegaranse ao sector vitivinícola a través de dez conceptos elementais que todo amante do viño debe coñecer. Así, nunha primeira aproximación teórica, estudarán as variedades de uva, os climas, os solos, as diferentes formas de cultivar e elaborar o viño, o traballo en adega, a maridaxe ou o mercado e as novas tendencias, para ampliar a súa cultura vitivinícola e desenvolver a memoria sensorial, aplicable, posteriormente ao coñecemento práctico dos viños elaborados en Galicia.

No nivel avanzado, ao que poderán acceder os afeccionados e profesionais que teñan cursado o nivel básico ou con formación previa no campo, os participantes estudarán, xa en profundidade, as técnicas de viticultura e de enoloxía, iniciaranse na xeografía vitivinícola da península ibérica e desenvolverán as habilidades de cata, con viños das diferentes zonas de España e Portugal.

Os cursos serán impartidos, entre outros, por Juan José Figueroa, segundo clasificado no Campionato Galego de Sumilleres 2015 e titor responsable técnico do curso superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño, e por Jorge Vila, xerente do Instituto Galego do Viño e tamén especialista en marketing e formación no sector vitivinícola.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta