Por Galicia Confidencial | Composela | 25/09/2016 | Actualizada ás 13:49
Os candidatos dos principais partidos a estes comicios xa exerceron o seu dereito ao voto e o fixeron apelando á participación dos galegos.
Así, o candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo este domingo un chamamento aos galegos para que voten e para que Galicia poida continuar o seu "camiño de certeza e benestar", e insistiu en que "o importante" é que esta comunidade "siga avanzando".
A súa esperanza para esta xornada é de que, este noite, se poida enviar "unha mensaxe de prosperidade e futuro" e que haxa "un sendeiro claro" do que vai pasar en Galicia nos próximos catro anos, porque iso significará que os galegos decidirían "de forma diáfana".
Pola súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, comentou este domingo, tras acudir a votar, que que espera que haxa "unha elevada participación" e que a xornada se desenvolva "con normalidade".
En canto ás súas expectativas, o socialista indicou que el "sempre" é "optimista". "Ao abrir as urnas, coñeceremos o que decidiron os cidadáns e hai que aceptar o resultado, sexa cal sexa", finalizou.
Votar con "ilusión"
Tamén o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, animou este domingo aos galegos a ir votar "con ilusión" e, tras recordar a importancia da participación, destacou que "non sería bo que ninguén quedara na casa".
Tras votar, confesou sentirse "moi ilusionado" nunha xornada que cualificou de "histórica" para Galicia. "Fago un chamamento a que todo o mundo vote, a que todo o mundo vote con ilusión. As páxinas da nosa historia témolas que escribir nós, por iso non sería bo que ninguén quedase na casa. Todo o mundo ten o dereito e deber de escribir a súa propia historia", sentenciou.
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, exerceu o seu dereito a voto na mañá do domingo en Santiago de Compostela, onde chamou a que "a voz de todos os galegos se deixe sentir" nas urnas ante "un momento moi complexo para o país" no que Galicia se xoga "moito".
Ademais, animou a "tódolos galegos a que vaian votar", xa que "cada voto vai ser decisivo", ao tempo que chamou a que exerzan ese dereito con "ilusión" e "pensando que é importante" o que se decide nas urnas este 25 de setembro. "Imos decidir qué Galicia queremos, qué camiño queremos elixir", remarcou.
Democracia "con máis esixencia"
Pola súa banda, a candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, Cristina Losada, instou aos galegos a exercer o seu dereito ao voto este domingo para que "as cousas que non funcionan poden cambiar a partir de mañá en Galicia" e para ter unha democracia "con máis esixencia".
"Hoxe non é ou día para falar eu, é día para que falen os votantes", dixo tras, a colación, remarcar "a importancia de exercer o dereito de voto". Así, subliñou que as decisións afectan "a todos" e que votar é "un xeito de implicarse nelas".
Finalmene, o candidato do Compromiso por Galicia á Presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, fixo un chamamento aos cidadáns para que exerzan este domingo o seu dereito ao voto e pediu aos electores que "busquen a forza política que mellor reflicta a súa forma de pensar".
"Eu desexo que a xente exprese a súa opción de voto en virtude da liberdade: que busque aquela forza política que mellor reflicta a súa forma de pensar, de sentir e de vivir o país", dixo Bascuas tras votar no colexio electoral das Escolas Vellas de Marcelle, en A Baña (A Coruña).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.