Por GC Tendencias | Allariz | 11/10/2016 | Actualizada ás 20:31
Trátase das V Xornadas de Carne de Boi de Allariz, xornadas enmarcadas dentro do programa “Allariz Sabe” e dun proxecto rural de cría e comercialización desta aprezada carne. Organizadas ao redor da gastronomía para atraer visitantes a Allariz pero tamén para converter este concello nun referente na comercialización de carne de boi.
Uns vinte e un establecementos da vila do Arnoia ofrecerán ata o 16 de outubro unha ampla oferta de pratos e menús nos que o protagonista é a carne de boi autóctono, con prezos que van dende os 6,5 euros dunha hamburguesa ata os 65 euros dun menú con chuletón.
Ademais do anterior, tamén haberá degustación de pratos elaborados con carne de boi de Allariz no Mercado da Reserva da Biosfera os sábados 1, 8 e 15 e o “Concurso de tapas”. Neste último participan 14 establecementos que presentan 16 tapas a un prezo de 2 €. Entre as persoas que voten á mellor tapa sortearase unha estancia de fin de semana en Allariz.
A concelleira de promoción económica, Cristina Cid, salientou a implicación da hostalería local e a aposta dende o concello pola gandería, actividade que contribúe a manter limpos os montes e a dinamizar a actividade económica en tempada baixa.
Allariz traballa dende hai anos en proxectos de revalorización do medio rural como a explotación de vacas autóctonas en extensivo no monte de Penamá, a granxa educativa de ovellas do Rexo ou produción de leite ecolóxico entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.