Imputados na Operación Jaro denuncian “vulneracións” na cadea de custodia de probas

Lamentan a súa situación de "indefensión xurídica" e acusan ao Estado de "envorcarse na vía represiva" nun momento de "crise territorial".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2016 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

As persoas imputadas no marco da 'Operación Jaro', na que foron detidas nove persoas en outubro de 2015 e pola que a Audiencia Nacional decretou a ilegalización da organización política Causa Galiza, denunciaron "vulneracións" na cadea de custodia dos obxectos que foron retirados dos domicilios dos arrestados.

Rolda de prensa dos imputados na Operación Jaro
Rolda de prensa dos imputados na Operación Jaro | Fonte: Europa Press.

Así o denunciaron este sábado nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago de Compostela, na que un dos imputados, Joam Peres, asegurou que estas "vulneracións" os sitúan nunha "situación de indefensión xurídica absoluta" ante a que os avogados das defensas decidiron "impugnar" as "supostas probas" que hai en contra deles. Todo iso, indicou, cando non saben aínda se finalmente serán "xulgados todos e con que imputacións".

Na súa intervención, Joam Peres tamén explicou que Causa Galiza continúa "ilegalizada e suspendida de actividades" baseándose nun argumentario xurídico que cualificou de "irrisorio" xa que, segundo indicou, apunta que as homenaxes que a organización celebraba en recordo dos Mártires de Carral de 1846 "son un feito que proba a existencia de apoloxía do terrorismo".

Tamén considera que "as charlas e actos públicos de memoria histórica da loita do independentismo neste país son, a día de hoxe, apoloxía do terrorismo", engadiu para lamentar que este sexa "o fundamento xurídico aparente" co que o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco "decreta a ilegalización dunha organización política".

CONTEXTO POLÍTICO

Así mesmo, Joam Peres enmarcou esta operación nun momento no que o Estado español atravesa unha "crise do seu modelo territorial" e no que, "en lugar de utilizar a vía do diálogo e a negociación", o Estado "envórcase na vía represiva".

Deste modo, puxo como exemplo desta "vía represiva" que se fale de "procesar penalmente á presidenta do Parlamento catalán" ou que "Arnaldo Otegui non se puidese presentar ás eleccións despois de cumprir unha condena de cárcere".

"No caso de Galicia, o Estado español optou por matar moscas a canonazos e procede á ilegalización de organizacións políticas e ao encausamento penal de militantes políticos que traballamos dentro da legalidade".

INICIATIVAS

Para responder a esta situación, Joam Peres explicou que os imputados desenvolveron iniciativas para sensibilizar a sociedade galega sobre esta situación e "a inexistencia de liberdades mínimas no Estado español".

Ademais, tratan de implicar distintos axentes políticos, sindicais e sociais para que "tomen cartas no asunto". "Aquí non se está a reprimir só un proxecto político independentista, estase a poñer en cuestión a posibilidade de que este país defenda publicamente, en foros públicos e legais, determinados posicionamentos políticos", sinalou.

Por este motivo, o avogado da defensa pediu o levantamento da suspensión de actividades a Causa Galiza, que aínda que en principio é dun ano, será renovado se o xuíz o considera necesario. Con este fin, o colectivo irá ata o Tribunal Constitucional para "denunciar a situación".

PARLAMENTO EUROPEO E GALEGO

Por outra parte, Joam Peres explicou que antes do 10 de novembro o Parlamento Europeo terase que pronunciar sobre esta operación, tras unha iniciativa presentada pola coalición formada por EH Bildu e o BNG, formación que tamén levará á Cámara galega a situación dos nove imputados e a ilegalización de Causa Galiza.

Ademais, sinalou que xa son 75 os axentes sociais, sindicais e políticos que se sumaron ao rexeitamento da ilegalización de Causa Galiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta