Por Xesús Veiga | Galicia | 01/11/2009
Para quen coñeza minimamente o funcionamento habitual dos partidos resulta pouco críbel a reiterada afirmación de que os máximos dirixentes das organizacións afectadas non coñecían realidades como as que aparecen no caso Gürtel ou no concello de Santa Coloma.Só aceitando a existencia de premeditadas "zonas de sombra" no interior das organizacións políticas poderiamos entender que os mesmos que controlan todas as circunstancias relativas á elaboración das candidaturas electorais ou que fiscalizan os nomeamentos de cargos institucionais permitan a máxima autonomía na xeración e na circulación dos recursos financeiros.
A rexeneración da política só terá viabilidade e consistencia se existe un corpo social mais esixente do que hoxe coñecemos.Os camiños para mudar a situación actual están formulados dende fai tempo.Son necesarios, dende logo, cambios na lexislación que dificulten a fraudulenta utilización dos recursos públicos.Mais tamén é preciso, como condición básica, que as forzas políticas expliciten ante o electorado o compromiso de execución dun código de boas prácticas que, entre outras cousas, non condicione a asunción de responsabilidades políticas á existencia dunha sentencia xudicial condenatoria.Hai que instaurar a hixiénica práctica da dimisión por acción ou por omisión.Velaquí unha das asignaturas pendentes no actual sistema político do Estado español:rachar o círculo vicioso da xudicialización da política e da politización (partidista) da xustiza.E por certo:se mañá aparece un Berlusconi con posibilidades de entrar na Moncloa que non se sorprendan os que hoxe minusvaloran os efectos destrutivos da corrupción.
Xesús Veiga Buxán é profesor na Facultade de Económicas da USC e ex deputado do BNG no Parlamento galego.