Jorge Mira: “É irrelevante cambiar o fuso horario”

O físico da USC repite unha e outra vez, con argumentos científicos, que non ten sentido cambiar o fuso horario. “Sobran os eslogans curtos e fai falla moita discusión científica”, di ao criticar que os partidos políticos teñan incorporado nos seus programas os idearios de “grupos de presión”. Destaca nesta entrevista que un cambio de hora levaría aparellado “moitos inconvenientes”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O debate público sobre o fuso horario español deu un salto cualitativo recentemente, ao saltar ao escenario da discusión política e mesmo ser incorporado no programa dalgúns partidos. Por iso, o Consello da Cultura Galega organizou este mércores unha xornada, coordinada polo físico e divulgador científico da Universidade de Santiago Jorge Mira, na que se abordou esta cuestión.

O científico Jorge Mira
O científico Jorge Mira | Fonte: Pazo da cultura de Pontevedra- pájaros en mi cabeza

Utilizo o título das xornadas para facerche a primeira pregunta. É o noso fuso horario un problema?
Baixo meu punto de vista non é ningún problema, máis ben todo o contrario.

Por que?
Porque é unha convención que temos para organizar os nosos horarios, a nosa vida. Pero os nosos horarios están organizados segundo o fuso no que vivimos. Trátase de poñer un inicio e un final a unha actividade, porque o importante é desde que empezas o día ata que acabas... Se botaches catro, oito ou dez horas traballando. Permite ubicarnos ao longo do día.

Pero este problema non é de agora. Por que se fala agora máis del?
Porque os partidos políticos compraron o discurso de certos grupos de presión. Comezou Ciudadanos, e logo xa o levou o PSOE e, agora, tamén o PP e eu penso que de maneira cega. Sobran os eslogans curtos e fai falla moita discusión científica. Na subcomisión do Congreso que ía destinada a buscar racionalización de horas nas empresas resulta que non había científicos puros. Só xente de empresas, de socioloxía, mulleres rurais, pero non os científicos puros.

E os científicos puros coincidides no mesmo?
Si, todos os que coincidimos nas xornadas do Consello da Cultura coincidimos. Logo, a xente do mundo empresarial pois ten outros intereses.

Como científico, que desvantaxes lle ves a cambiar a hora?
Pois que nos levaría aos españois á mesma situación que estamos agora, pero cunha desorde importante. Para quedar na mesma situación que estamos agora, pois quedemos como estamos.  Esa transición levaría custes e incomodidades. Trataríase dunha viaxe sen moito sentido, porque acabariamos na mesma situación que agora, só que adaptados ao novo fuso.

E hai algunha vantaxe?
Ningunha.

E como é iso de que Portugal ten fuso horario diferente?
Pois porque se adaptou ao seu fuso horario logo da II Guerra Mundial. Cando se entrou na vida moderna, nun mundo escravizado polas horas, pois a xente se acoplou ao seu sistema horario. Se os portugueses tivesen hai 70 anos o mesmo fuso horario que nós pois estarían igual que nós, e se nós tivésemos o deles, pois estariamos coma eles. O que nós adaptamos é a hora, porque o sol sae e se pon sempre á mesma hora en función das estacións. Son as sociedades e os países os que se adaptan. Acabamos sempre adaptados aos valores do reloxo.

E iso de que Franco cambio o fuso para adaptalo á Alemania nazi?
Iso é unha gran falacia. Foi a II República quen o fixo primeiro por unha cuestión de economía de guerra. Había problema de sincronización con certas potencias occidentais. Cando Alemaña conquistou Francia e o resto de Europa, unificou os horarios. Logo, coa guerra rematada, Charles de Gaulle non quixo cambiar. Outros, como Reino Unido, si cambiaron. E Franco tamén preferiu ese fuso horario. Dese xeito, España ten sincronizado o seu amencer co de millóns de europeos.

O Parlamento de Baleares acaba de aprobar que non se cambie a hora e poñen como exemplo a diferencia de luz solar con Galicia...
O dos baleares é xusto ao revés. Eles din que teñamos unha hora máis, en contra dos que piden unha hora menos. Isto indica que a sociedade española está acostumada xa. Imaxínate que o cambiar o fuso o sol se poría unha hora antes. Teríamos máis noite. Que habería que facer entón?, pois adiantar a hora de saída do traballo. E, co tempo, acabaría igual que agora.  Se antes saías ás oito e atrasas o fuso e o sol ponse ás sete e saes de traballar as sete, é como se saíras ás oito co fuso actual. A situación é idéntica. Por iso é irrelevante cambiar o fuso.

E por que te opós?
Porque aínda que se pode facer de un día para outro a través do BOE, a súa adaptación tardaría anos.

E ves posible que se cambie a hora?
Eu témome que si, unha vez que entramos nesta tolemia e tendo en conta que falta información. Como vivimos na sociedade do titular fácil, aínda que sexa mentira, xa hai unha gran bola de neve e teño medo de que sexa tarde, porque os grupos de presión que comezaron con isto xa se fixeron fortes. Agora a bola de neve é tan grande que é difícil de parala.

Cando falas de grupos de presión, a quen te refires?
Pois a Arhoe, a Comisión Nacional para a Racionalización de los Horarios, que é o máis importante. Este comezou a mobilizarse hai moito tempo e fixeron tan ben a súa labor que hoxe en día os medios están inconscientemente adaptándose ao seu discurso. E a clase xornalística non o cuestiona. Din, por exemplo, que en España anoitece tarde e eu demostrei que anoitecemos á mesma hora que outros puntos de Europa.

E como fan para ter tanta forza?
Mobilizáronse ben e a través de Ciudadanos, e meteron a cuña. Teñen firmas, diapositivas bonitas e o seu discurso é facilón e entra ben.

Falas de Ciudanos, pero o BNG xa pide o cambio de fuso horario desde hai tempo...
Pero iso ten que ver máis con cuestións políticas e cun ideario. O BNG intenta poñer unha raia divisoria entre Galicia e o Estado e méteo en clave nacionalista. Galicia podería estar no fuso horario de Portugal, e tamén España. Non digo que un fuso horario sexa peor que outro. O malo é querer trasladar un fuso a outro. Iso de Greenwich é un ordenamento no mapa que puxeron como referente. Eles están nese e nós noutro. O problema é o cambio dun fuso a outro.

E entón o de cambiar a hora dúas veces ao ano, ten sentido?
Non ten que ver unha cousa coa outra. Iso está nunha directiva europea de obrigado cumprimento e débese a que o eixo de rotación da terra está inclinado 23,5º con respecto ao plano da órbita e isto fai que a exposición da Terra ao Sol cambie moito ao longo do ano. O 21 de setembro a diferencia entre horas de día e noite en Galicia é 0, pero tres meses despois é de 6,45 minutos e tres meses despois volve cambiar noutra cantidade igual. Por iso se compensa movendo unha hora para arriba e para abaixo. E isto é máis acusado canto máis ao norte estás. En Suecia son 13 horas de diferencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

7 Descubriuse

Ou sexa que o problema é que como somos españoles viva España. Que empece por ai e aforre o rollo "físico".

1 Ana

Evidentemente, hai nacionalismos que son considerados naturais polos seus praticantes e os dos outros "políticos". Saberá moito de física, terá un alto coeficiente, mais de comprensión do humano anda frouxo.

6 Sesese

Xa son gañas de leriar esto da hora . Levo asi 60 anos e falte carral que non me afectou en nada. Agora xa vale todo. A ver si nos centramos no verdadero problema dos galegos que e a falta de traballo.

5 Vivalvino

Claro que si vos ía dar moitas molestias aos españois... pero este sábado cambiades a hora igual

4 Carlos Trebello

Pero se o fuso horario o temos por culpa de Franco, que o adaptou ao de Alemaña para coincidir nos horarios. Se non ten influencia, poñamos o fuso horario de Vladivostok, ou deixemos de cambiar a hora dúas veces ao ano. Argumentos de listiño, máis que científicos.

3 Estralampa

Ao ter o mesmo fuso horário que França, Alemanha... erguémonos à mesma hora para trabalhar, pero para nós, no extremo occidental de Europa o sol está moito mais baixo... logo o esforço biológico é moito maior já que implica adiantar a jornada diaria (ritmo biológico) sobre o ritmo solar. Hai innúmeros argumentos científicos a prol de acompassar os dous ritmos evitando iniciar a actividade quando o corpo ainda pide ficar na cama... isto é especialmente importante nos nenos e adolescentes. Uma opção sería adiar a jornada laborar na Galiza: entrando a trabalhar mais tarde... o que teria o mesmo efeito organizativo que mudar o fuso horario com respecto ao resto do Estado e Europa. De adoptar o fuso de inverno serianos mais facil conciliar o sono de noite, já que o solpor seria mais cedo e o corpo entraría en modo durmir antes,... Isto seria importante tambem no vrão, quando quase temos que ir pra cama com dia.

1 Lorenzo

Perfectamente explicado. Porque aínda que matemáticamente o señor Mira ten razón non ten en conta unha condición máis no problema que é que o ser humán biolóxicamente obecede a ciclos día noite para a actividade e o descanso. A adaptación horaria serve para que dado un calendario único para varias zonas solares, o individuo teña un ritmo natural diurno/nocturno. Ao señor Mira esto dalle igual porque el non durme e as poucas veces que durme, dalle igual durmir a pleno sol que a media noite. Unha aperta, profesor ;-)

2 Lorenzo

Agora mesmo o meu fillo erguese de noite para ir ao cole, mentres que en Barcelona xa é día. Sen embargo ao cole deben entrar a mesma hora. ¿A quen lle están a alterar o seu ciclo natural sono/vigilia luz/oscuridade ?