Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/11/2016 | Actualizada ás 09:00
Os traballadores comezan a moverse tras a ameaza de Frigolouro de marcharse do Porriño. Unha ameaza que polo de agora queda nun amago para meter presión aos proletarios.
Tras afirmar nun comunicado público que xa andaba buscando terreos no Norte de Portugal, a filial de Coren retractouse o xoves diante do comité de empresa, dicindo que, malia os supostos problemas de competitividade, a actividade seguiría no Porriño.
Resposta de Comisións
Antes esta situación, a Federación de Industria de CCOO pide a constitución «urxente» dunha mesa de traballo. Malia que a empresa matizou as súas afirmacións iniciais, CCOO coida admite que hai incerteza sobre a continuidade da actividade nunha factoría “que xera 600 empregos directos”. O sindicato di que está en contacto coa Xunta, co Concello do Porriño, coa propia empresa e con outros sindicatos para clarificar o futuro da planta.
Por parte da CIG a linguaxe é un pouco máis belixerante. Coren presume de galeguidade e o certo é que un grupo que recibe importantes subvencións públicas. Coñecedores deste extremo, a CIG di que vai implicar o Parlamento Galego na loita pola permanencia de Frigolouro no Porriño e o sindicato nacionalista lémbralle a empresa cárnica “que ten recibido cuantiosas subvencións públicas nos últimos anos”. Ademais, engade solicitará garantías ao Concello de que, no caso, impedirá a especulación cos terreos da planta. Por último, a CIG insta ao Comité de Empresa a actuar de forma unitaria “sen descartar como último recurso as mobilizacións”.
Resposta da CIG
A raíz do problema son as cooperativas de traballadores. Coren leva anos incorporando traballadores autónomos de Servicarne á planta de Frigolouro, ante a resistencia sindical que mesmo levou o asunto aos tribunais. Os asalariados din, con razón, que os autónomos cobran menos e teñen menos dereitos. A empresa, pola contra, argumenta que o resto do sector opera coas cooperativas de autónomos e de non facelo eles no Porriño a planta non será competitiva, polo que buscará como alternativa Portugal.
Ademais, Frigolouro acostuma a pagar tarde os salarios, o que os sindicatos interpretan como unha fórmula de meter presión aos traballadores para que non secunden as protestas sindicais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.