Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/11/2016 | Actualizada ás 13:37
Un recente fallo do Xulgado do Penal Nº 1 de Ourense absolve dos delitos de calumnias e inxurias graves con publicidade á xornalista ourensá de El País, Cristina Huete Álvarez.
A denuncia fora formulada en 2014 por Francisco Cougil Hermida, a quen o artigo titulado “El tesoro del cacique” (referido a unha colección de coches do ex presidente da Deputación de Ourense, e do PP, José Luis Baltar Pumar), describía como tránsfuga. Cougil fora un destacado edil socialista ourensán que formou parte despois doutra candidatura, e que acabou contratado na Deputación ourensá.
A xuíza María Blanca Díez Mediavilla indica na sentenza que a xornalista recolle na información “un feito de carácter obxectivo” , polo que “non supón a atribución de ningún feito delitivo, nin ten un carácter ofensivo ou insultante”. A maxistrada rexeita tamén que un dato erróneo ou inexacto sexa, por si mesmo, susceptible de reproche penal. Engade ademais que “o Tribunal Constitucional ten declarado reiteradamente que o recoñecemento constitucional das liberdades de expresión e de información modificou profundamente o xeito de afrontar o axuizamiento dos delitos contra o honor naqueles supostos nos que a conduta a considerar teña sido realizada en exercicio de ditas liberdades”.
"Malia o positivo da sentenza, debemos expresar a nosa fonda preocupación polo uso que se fai da vía penal desde o ámbito político para intimidar a xornalistas, limitar o exercicio da liberdade de expresión e, por tanto, poñer en risco o dereito á información", apunta o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) nun comunicado.
Así, considera "alarmante" que, a pesar da ampla xurisprudencia existente, haxa aínda xuíces que dean cobertura a iniciativas que "perseguen fins claramente antidemocráticos". Así, lembra que no caso de Cristina Huete, hai que lamentar que fora o xuíz decano de Ourense, Leonardo Álvarez, quen decidira a apertura de xuízo oral, a pesar da oposición da Fiscalía. A propia sentenza sinala que a xurisdición civil, se o denunciante o considera oportuno, é a máis axeitada para o caso.
"A alternativa penal, como instrumento coercitivo contra xornalistas ten que ser inadmisible en democracia porque representa un perigo real para o desenvolvemento do dereito fundamental á información", apunta o CPXG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.