Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2016 | Actualizada ás 13:18
O grupo de traballo formado pola Consellería de Educación, as tres universidades e a Comisión interuniversitaria de Galicia (CIUG) baralla adiantar a tradicional convocatoria de setembro da antiga selectividade ao mes de xullo, un cambio que se levaría a cabo "o próximo curso". Deste modo, en caso de materializarse, esta modificación non se levaría a cabo este ano, xa "sería precipitado" e podería "xerar máis incertezas" nun exercicio "de moitos cambios" no proceso de acceso ao sistema de educación superior.
Así avanzouno o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tras participar nunha reunión con técnicos das universidades e responsables da CIUG, onde destacou este posible cambio como "unha reclamación da comunidade educativa".
Rodríguez trasladou neste encontro o resultado da sectorial celebrada en Madrid entre o Ministerio de Educación e as comunidades autónomas, onde informou sobre a eliminación dos efectos académicos das chamadas 'reválidas' e a intención de que a proba de bacharelato sexa "moi similar" á antiga selectividade.
A CIUG será a encargada de organizar este proceso en Galicia, e levarao a cabo cunha metodoloxía "practicamente idéntica" ás PAU para xerar "os mínimos trastornos" ao alumnado, materializándose "a mensaxe de tranquilidade" reiterada dende a Xunta e as propias universidades.
Neste sentido, Rodríguez explicou que están a traballar nunha liña de traballo conxunto para resolver cuestións técnicas e "de matiz" que quedan pendentes, como a arquitectura docente, axustar a proba ás troncalidades ou avaliar as revisións e o proceso de reclamacións, entre outras.
O documento final será ratificado este venres polo Consello de Ministros e polo Congreso a próxima semana, coa previsión de que o proceso quede pechado antes de que remate o mes de decembro.
"CREAR CERTEZAS"
Rodríguez tamén se referiu ás críticas das asociacións de alumnos sobre a potencial recuperación do impacto académico destas probas no futuro para aclarar que "non ten sentido lanzar futuras ameazas" sobre algo que queda "moi claro" no acordo e que o "sentir xeral é que se manteña así".
"Non creo que teña sentido volver insistir nalgo que se acaba de quitar", sinalou, para recordar que existe "unha vontade colectiva" de continuar o proceso de diálogo, buscar ese "pacto educativo" e acordar uns "eixes" entre todos para poder "crear certezas" no sistema educativo.
Pedro Armas, presidente da CIUG, sinalou que están esperando a que "a lexislación saia a semana que vén" en materia de contidos, aínda que asegurou que "non haberá grandes transformacións" nese sentido.
Así mesmo, garantiu que traballarán "con profesionalidade e sentido común" a través do "instrumento" co que conta Galicia, "esta comisión, realizando os axustes necesarios e que deriven desta nova normativa, reiterando que se trata de volver ao "concepto PAU outra vez".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.