Os grandes xornais incumpriron o código deontolóxico na cobertura do accidente de tren en Angrois

La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El País e El Mundo transgrediron pautas éticas no tratamento da catástrofe, vulnerando fundamentalmente a protección da privacidade dos protagonistas e a non inclusión de contidos cruentos, segundo un estudo de Alba Almenara Lorenzo, investigadora da Universidad de La Laguna.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

El País, El Mundo, La Voz de Galicia e Faro de Vigo "incumpriron normas deontolóxicas en maior ou menor medida" na cobertura do accidente de tren en Angrois, tanto no que se refire á publicación de fotografías como nos textos das novas publicadas. Así o conclúe agora o estudo 'Aspectos éticos y deontológicos de la cobertura periodística de las catástrofes tecnológicas: el caso del accidente ferroviario de Santiago de Compostela (2013)', de Alba Almenara Lorenzo, investigadora da Universidad de La Laguna, publicado en Fonseca, Journal of Communication.

Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube
Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE /foon youtube

Almenara analizou os aspectos ético-deontolóxicos da cobertura xornalística das catástrofes tecnolóxicas tomando como caso de estudo o accidente ferroviario más grave dos últimos 40 anos en España, sucedido o 24 de xullo de 2013 en Angrois, Santiago de Compostela. Partindo dos documentos de autorregulación xornalística españois relacionados coa cobertura de accidentes e catástrofes, fixo unha análise dos textos e das fotografías publicadas nas edicións dixitais dos catro xornais tradicionais máis seguidos polos galegos: elmundo.es, elpais.com, lavozdegalicia.es e farodevigo.es.

"A protección da privacidade dos protagonistas e a non inclusión de contidos cruentos foron os aspectos éticos máis vulnerados".

En xeral, "a protección da privacidade dos protagonistas e a non inclusión de contidos cruentos foron os aspectos éticos máis vulnerados", salienta Almenara, quen incide en que na cobertura do accidente de tren en Angrois "vulnerouse a privacidade das vítimas" e houbo por parte destes medios "reiteración de escenas de dor e sufrimento".

"Os resultados permiten afirmar que as transgresións deontolóxicas ocorren en maior ou menor medida en todos os medios dixitais estudados, tanto en fotografías como en texto", conclúe a investigadora.

O accidente de tren en Angrois, nas portadas do 25 de xullo de 2013 de La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El País e El Mundo.
O accidente de tren en Angrois, nas portadas do 25 de xullo de 2013 de La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El País e El Mundo.

As pautas máis incumpridas nas fotografías publicadas foron as relacionadas co respecto á intimidade dos protagonistas das mesmas, cun 21,5% de imaxes que non a respectaron, e cos contidos cruentos das imaxes, cun 14,8% das fotografías que as incumpriron, segundo aporta o estudo.

Pola súa banda, as pautas máis quebrantadas nos textos destes xornais foron as relativas á citación de fontes, cun 5,8% de textos que a incumpriron, e a que recomenda non publicar datos persoais das vítimas, aínda co consentimento previo dos familiares, cun 12,6% de textos que publicaron estes datos sen que os citados fosen a fonte.

Pero "non só se incumpriron estas pautas", segundo a autora, que destaca que "todas as normas foron vulneradas en maior ou menor medida, exceptuando a non intromisión na privacidade de vítimas ingresadas en centros hospitalarios".

O medio que máis transgresións éticas cometeu nas súas fotografías foi Faro de Vigo e nos textos, El País, segundo o estudo.

FOTOGRAFÍAS

Os resultados indican que o medio que máis transgresións cometeu nas súas fotografías foi a versión dixital de Faro de Vigo e o que menos, elmundo.es.

As análises referidas ás fotografías mostraron un comportamento deontolóxico similar entre os catro medios, que non ofreceron diferenzas estatisticamente significativas. Así, o estudo pon de relevo que un 17,3% das novas publicadas infrinxiron polo menos unha das normas éticas das consideradas na investigación, mentres que esta porcentaxe foi do 28,6 para as imaxes. "Estes datos demostran que o formato no que se produciron máis transgresións foi o visual", afirma a autora da investigación.

TEXTOS

O medio que máis vulneracións cometeu nos seus textos foi elpais.com e o que menos, farodevigo.es. Con todo, no que se refire ao xornal vigués, Almenara matiza que, "aínda que non se estudou a procedencia das noticias, o resultado podería deberse a que este medio incluíse con maior frecuencia informacións procedentes de axencia, que, en xeral, presentan un ton máis aséptico e menos valorativo".

No relativo aos textos, a investigadora expón que "os resultados constatan un mellor comportamento deontolóxico dos medios rexionais (Faro de Vigo e La Voz de Galicia)", xa que "elpais.com e elmundo.es mostraron medias máis altas na escala de transgresións, aínda que as diferenzas resultaron estatisticamente significativas só para El País fronte a Faro de Vigo e La Voz de Galicia".

Máis especificamente, "a noticia que máis pautas infrinxiu, e neste caso a máis reprobable deontoloxicamente, publicouse en El País o 26 de xullo de 2013 (Tejedor, E e Duva, J.)", sinala a investigadora. Segundo esta, a nova publicada no xornal estatal "incumpre catro das seis pautas deontolóxicas seleccionadas para análises de texto" e nela "detectouse unha intromisión na privacidade do protagonista —neste caso o maquinista—, pois se achegaban datos da súa vida íntima tales como os motivos persoais que lle levaron a pedir o seu traslado a Galicia". Así mesmo, destaca que "non se respectou a súa presunción de inocencia, xa que a construción do texto suxire que o maquinista adoitaba manexar velocidades «inadecuadas»". Por último, Almenara explica que nesta nova "tampouco se especifica a fonte dalgúns datos achegados e figuran datos persoais do protagonista".

O periodo de análise das novas publicadas comprendeu oito días: desde o mércores 24 de xullo de 2013, día do accidente de tren, até o mércores 31 de xullo de 2013.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

É lástima que non se inclúa a gravación do programa ViaV -en directo mentras sucedía a catástrofe de Angrois- no que Pepe Blanco pretendía non ter nada que ver no asunto ! e a día de hoxe ninguén o relaciona coa innauguración precipitada do tramo de alta velocidade Ourense - Santiago ! Angrois segue en VÍA MORTA ! http://cabozo.com/taboext.php?grupo...

1 Bufffff

Se formaran mellor aos xornalistas, en cultura xeral ou en rudimentos de Dereito que a maioría non leu nin a Constitución --e se a leron non quedaron con nada-- ben mellor era q poñerse a pontificar sobre códigos éticos de josito pereiro nos q cren el e tres mais.