Por Galicia Confidencial | Ordes | 20/01/2017 | Actualizada ás 17:42
Constituír unha axencia espacial escolar galega. Ese é o obxectivo de máis de 150 estudantes de Secundaria do IES Maruxa Mallo de Ordes, o IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. E, con esa finalidade realizarán un congreso este venres na Casa da Cultura de Odes.
Nestas xornadas presentaranse oito comunicacións. Seis delas repasarán os traballos das comisións que soportaron o lanzamento da sonda estratosférica MarumaSat en maio de 2016, que constituíu o primeiro fito desta carreira espacial. Tamén presentarán comunicacións os centros que se incorporan ao proxecto, ben para achegaren innovacións que permitan obter datos científicos máis sofisticados, ben para a creación da marca da axencia, que será escollida horizontalmente a través dos teléfonos intelixentes das persoas participantes no propio evento.
Maruma Sat
O Maruma Sat foi un proxecto educativo do IES Maruxa Mallo que tivo como finalidade crear unha sonda estratosférica que foi lanzada a máis de 30.000 metros en maio do pasado ano. A iniciativa contou co apoio dos comerciantes locais de Ordes.
O lanzamento do Maruma Sat foi retransmitido en directo por Internet o 20 de maio e o proxecto serviu para que os alumnos analizaran os datos recollidos pola sonda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.