O IES Universidade Laboral de Culleredo, representante galego no ‘Finde Científico 2017’

Será o único representante de Galicia entre os 32 centros escolares seleccionados para participar na feira científica organizada pola FECYT e que se celebrará na sede do MUNCYT en Madrid os días 27 e 28 de maio.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 09/02/2017 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O IES Universidade Laboral de Culleredo (A Coruña) será o único representante de Galicia entre os 32 centros escolares seleccionados para participar na oitava edición do 'Finde Científico', feira científica organizada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e que terá lugar os próximos días 27 e 28 de maio na sede do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT) en Alcobendas (Madrid).

Unha edición do 'Finde Científico' no MUNCYT
Unha edición do 'Finde Científico' no MUNCYT | Fonte: FECYT.

O centro de Culleredo participará cun proxecto científico titulado 'Historia química de una vela', para o cal conta cun importe máximo de 1.500 euros, o máis alto, concedido a 13 dos 32 participantes nesta feira.

O 'Finde Científico' converteuse xa nun dos eventos de referencia sobre divulgación científica para os máis novos. Na pasada edición recibiu máis de 10.000 visitantes. Durante o evento, os centros escolares participantes mostran as actividades científicas desenvolvidas nos seus centros, nun formato feiral, onde o público visitante pode descubrir e comprender distintos conceptos científicos e técnicos mediante a realización de experimentos, técnicas, ensaios, prácticas, simulacións, demostracións, presentacións multimedia ou outros procedementos que favorezan a dinámica interactiva.

Adicionalmente, a FECYT convida a colaborar no evento a centros de investigación, universidades, museos ou outras entidades que axuden ao cumprimento destes obxectivos mediante a difusión do labor investigador e da ciencia desenvolvida en España.

Con motivo desta nova edición, a FECYT convidou a centros educativos de todo o territorio estatal a colaborar na organización do Finde Científico 2017, fomentando así a mellora da educación científica entre os máis novos mediante o desenvolvemento de actividades de divulgación baseadas na indagación, durante a celebración do evento. Para iso, os centros tiveron que presentar a súa proposta de proxecto divulgativo a desenvolver que, previo ao evento, traballarán cos seus alumnos no centro escolar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta