Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 10/02/2017 | Actualizada ás 11:54
O proxecto internacional UNISON, para o establecemento de vínculos científicos e comerciais entre institucións de ensino superior e o eido empresarial a través de spin-off, botará a andar o luns 13 de febreiro na Universidade de Santiago (USC). Nesta primeira xuntanza do proxecto financiado por Erasmus + participarán representantes das trece universidades e centros de investigación implicadas, procedentes de Rusia, China, Xeorxia, Alemaña e Portugal. A USC será a única representantes española.
O proxecto profundará nos mecanismos implicados na transferencia e comercialización do coñecemento e a tecnoloxía, axudando así a superar as dificultades tradicionais que atopan as institucións de ensino superior no desenvolvemento de proxectos en colaboración ou en clave empresarial. Neste senso, a experiencia no desenvolvemento de empresas de base tecnolóxica (spin-off universitarias) ofrece a posibilidade de levar o traballo conxunto a unha nova fase en base ao intercambio de experiencias no eido do emprendemento. Ademais, UNISON busca promover a transmisión e aplicación de experiencias empresariais na educación, a formación e o traballo xuvenil.
Como explica o equipo promotor, a cooperación entre as institucións e agrupacións integrantes do proxecto fortalece o vínculo de comunicación entre os participantes en termos científicos e de emprendemento e abre a posibilidade de futuras oportunidades de colaboración coas demais institucións e empresas. Para lograr os seus obxectivos UNISON desenvolverá programas de prácticas, obradoiros, xuntanzas, conferencias e mesas redondas. O intercambio regular de información, experiencias e debates permitirá o seu traslado ao planos de estudo para ofrecer unha mellor resposta á expectativas e necesidades das empresas. Ademais poderían axudar a definir modificacións nos programas de formación do persoal administrativo e docente para acadar unha mellor resposta ás necesidades actuais e futuras.
AXENDA
Na primeira xornada, o luns 13 o programa deseñado inclúe unha sesión introdutoria das distintas institucións participantes e unha reflexión sobre a relación entre universidade e empresa en termos de cooperación. Ademais, o responsable o responsable do Servizo de Relacións Exteriores, Enrique López-Veloso dará conta de cuestións de xestión, financiamento e interacción das institucións socias, así como directrices técnicas do Programa Erasmus +.
Xa na sesión do martes 14 o grupo traballará na definición do plan de traballo para o primeiro ano e na definición de actividades e responsabilidades concretas no seu desenvolvemento.
Ademais da representación da USC, de Rusia acudirán representantes de Nizhnevartovsk State University, Moscow State University of Geodesy and Cartography, Perm State University, Saint-Petersburg State University of Economics e do Bologna Club. De China participarán Yantai Academie of Agricultural Sciences, Yantai Hi-Tech Industrial Development Zone e Ludong University e de Xeorxia a Ivane Javakhishvili Tbilisi State University e a Iakob Gogebashvili Telavi State University. Completan o cadro de institucións participantes o Instituto Politecnico de Coimbra e a Fachhochshule des Mittelstands, informa a USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.