Cataluña, Trump e a Unión Europea

Cómpre ser moi inxenuo para pensar que o presidente americano renuncie a xogar a carta catalá para desestabilizar Europa

Por Horacio Vixande | Vigo | 17/02/2017

Comparte esta noticia

O Brexit e o triunfo de Donald Trump nas eleccións presidenciais estadounidenses engaden un factor de complexidade nunha saída ao conflito catalán ao gusto de Madrid e ao tempo colocan a Barcelona diante das fauces dun temible león.

Trump non gusta da Europa que nos últimos setenta anos coñecemos e das súas palabras enxérgase un bosquexo de ataque ao continente que non vai comezar polo centro. Nese contexto, o Estado español –non unicamente Cataluña– preséntase como candidato idóneo para pór en marcha esa política. Ante a eventual posibilidade de que se acelere o devir dos acontecementos por mor do xuízo contra Artur Mas e outros líderes cataláns, por moito que o silencien os medios de comunicación, sábese que Vladimir Putin recoñecerá a Cataluña como Estado soberano en canto aprobe as súas leis de desconexión e de transitoriedade xurídica –que non é outra cousa que a independencia condicionada ao resultado dun referendo que teña lugar posteriormente.

O recoñecemento, ademais, podería chegar doutras latitudes non moi distantes, como a Grande Bretaña, necesitada de bazas negociadoras diante de Bruxelas. A tentación de Trump de sumarse a estas iniciativas é tan grande como o trofeo que conseguiría: eis o primeiro abandono do euro –esa moeda irreversible da que nin Grecia pode fuxir. O resultado sería unha fenda no edificio de eurolandia que, se cabe, daría paso a unha alternativa semellante quen sabe se no País Vasco. Xa perdido o interese na OTAN, nada impide aos Estados Unidos recuperar a súa vella ambición de converter as illas Canarias nun protectorado. Total: o Estado español dinamitado; o euro, tocado.

Nin Alemaña nin a Unión Europea poden ignorar esta situación permitindo que España se enroque na sacrosanta unidade dos estados-nación europeos. Terán que procurar unha saída negociada que necesariamente deberá proporcionar un status especial a Cataluña, mantendo certa relación con España, mais acordando con Bruxelas boa parte da política interior. É posible que os independentistas cataláns abracen unha solución intermedia no canto de caer nos brazos de Trump.

A solución para Cataluña é complicada porque engade un elemento de difícil encaixe na enrevesada arquitectura política europea. Durante setenta anos, Europa conseguiu pasar por alto os conflitos nacionais latentes porque puxo o acento na cohesión social. Ten mérito o acadado, mais requiriu un esforzo baseado na negociación permanente, case sempre agónica, e nunhas componendas que sempre abeiraron a cuestión da lexitimidade. Será quen Europa de continuar cos xogos malabares nun contexto de novos actores con normas especiais como Cataluña?

Sempre se comparou o ordenado constitucionalismo continental dos Estados europeos co modelo británico, baseado nun confuso agregado de leis. Pois ben, a Unión Europea medrou nestes setenta anos cuns alicerces xurídicos máis británicos que continentais, dando prioridade aos tratados e aos acordos, desbotando a vía constitucional. Nunha palabra: unha chafallada.

Mais ese modelo non dá máis de si. E moito menos que lle engadimos situacións complexas como a catalá. Tamén non podemos esquecer que nestes setenta anos agromaron novos conflitos que dificultan establecemento da cidadanía europea como patrón único. Temos que considerar aspectos culturais, relixiosos, de xénero, territoriais... que antes ignorábamos.

Tras a caída do Imperio romano de Occidente, as hordas que fundaron reinos como o suevo ou o visigodo na Península Ibérica, para dar acubillo xurídico aos distintos pobos que convivían no mesmo territorio empregaron o que se chama dereito xermánico, que non é máis que unha lectura xermánica do dereito romano. Isto derivou no establecemento de estatutos persoais e territoriais que facilitaron a convivencia. Non digo que deba ser así, mais será necesario un esforzo de creatividade xurídica para armar unha Europa constitucional que case a cidadanía coa peripecia persoal de cada quen.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.