Galicia, capital dos contos por cinco días

O Festival Atlántica celebra cinco anos con actuacións en toda Galicia. A quinta edición vai ser entre o 15 e o 19 de marzo e desenvolverase nos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol, Lalín e Teo.

Por GC Tendencias | Compostela | 16/02/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Os contos volverán ser protagonistas da cultura do país o vindeiro mes de marzo. O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa quinta edición, que se vai celebrar entre os días 15 e 19 de marzo. 

Presentación da 5ª edición do Festival Atlántica. Na mesa, de esquerda a dereita, Pilar Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela; Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica; Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura, Educación, Deportes, Turismo, Festas e Universidade de Ferrol; e Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín.
Presentación da 5ª edición do Festival Atlántica. Na mesa, de esquerda a dereita, Pilar Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela; Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica; Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura, Educación, Deportes, Turismo, Festas e Universidade de Ferrol; e Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín.

Os cinco anos de vida de Atlántica coinciden coa súa ampliación xeográfica, un feito que a directora do festival, Soledad Felloza, sinalou durante a súa intervención cando destacou que “este é o ano da consolidación do Festival Atlántica, pero tamén é o dun importante salto adiante, ao chegarmos a toda Galicia” e que se trata “dun dos poucos festivais escénicos con sedes en toda a comunidade”. 

O intenso traballo en rede desenvolvido vai significar “que os concellos colaboradores poderán acceder a grandes artistas cunha achega económica modesta”, xa que que levará “case 40 espectáculos en 5 días para todos os públicos”, indicou.  Ademais, fieis ao espírito do festival, a programación contará con novo contadores de países con ribeiras no océano Atlántico –Brasil, Portugal, Uruguai- e convidados doutros mares –Alemaña e Alacant- amais da representación galega. 

“O festival é a cabeza dunha rede de Festivais do Atlántico que involucra tamén a Madeira, aos Azores, a Lisboa e á Bretaña francesa”, destacou Felloza. Tamén anunciou que este ano “o Festival Atlántica lle outorga a súa Cornamusa de Honra ao Museo do Pobo Galego, por gardar durante corenta anos a memoria de Galicia”.

Un festival para todos

Como en edicións anteriores, Atlántica volve programar actuacións para todos os públicos e haberá de novo espectáculos para adultos, mais tamén para cativos, que se van desenvolver nas escolas e nos centros socioculturais dos concellos participantes. Ademais, estas últimas actividades van ser gratuítas por mor da colaboración dos propios centros. O carácter inclusivo do festival reafírmase coas sesións de contos para bebés e co espectáculo en lingua signada, unha novidade da pasada edición que volve este ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta