O sector bio galego lanza a Plataforma de Necesidades Compartidas

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) estra tamén o Observatorio Salarial do Sector Biotech.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2017 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que preside Carme Pampín, lanzou a través da súa páxina web unha Plataforma de Necesidades Compartidas e pon en marcha un Observatorio Salarial.

Reunión do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga)
Reunión do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) | Fonte: BIOGA.

A primeira iniciativa, impulsada con apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), "pretende pór a disposición do sector bio un espazo desde o que compartir necesidades", segundo informa a entidade.

"Aquí pódense atopar demandas e ofertas de servizos propostas por entidades biotech galegas coas que interactuar en caso de interese", explicou Carme Pampín.

"É unha plataforma de colaboración bio", segundo engade a presidenta de Bioga, quen apunta que "axuda a intercambiar información, a compartir inquietudes, a pór os nosos coñecementos a disposición dun sector moi dinámico e que, cada vez máis, necesita servizos especializados de calidade".

Carme Pampín convida o sector a "engadir ofertas ou demandar necesidades" a través da ferramenta que tamén está aberta a empresas non socias de Bioga. "É un espazo para visibilizar capacidades e agrupar necesidades", segundo explica.

Carme Pampín presentou a Plataforma de Necesidades Compartidas na última asemblea de socios de Bioga, que actualmente conta con 59 membros, celebrada hai uns días en Santiago de Compostela.

DIRECTIVA

Ademais, nesa reunión foi aprobada a ampliación da xunta directiva do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, que incorpora a Daniel Fernández Mosquera, director xerente de Qubiotech Health Intelligence.

O equipo directivo de Bioga, presidido por Carme Pampín (GalChimia), complétano outras tres persoas: Tatiana López (Nanogap), José Manuel Santamaría (Oncostellae) e Luís Sánchez (Lonza).

A presidenta de Bioga, que anunciou a incorporación de trece novos socios a entidade no último ano, o que representa un crecemento en 2016 de case o 30 por cento en número de socios, comunicou a posta en marcha do Observatorio Salarial do Sector Biotech.

Segundo comentou, esta ferramenta serve "para informar sobre a situación actual dos salarios, as prácticas retributivas e as políticas salariais do mercado laboral no que actúan as empresas de Bioga".

Carme Pampín sinalou, así mesmo, que o observatorio axuda a comparar soldos en función de variables como o sector, a comunidade autónoma ou o tamaño da empresa. "Así teremos información fiable que podemos utilizar e trasladar ás nosas empresas sobre prácticas retributivas e políticas salariais do sector", abundou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta