Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2017 | Actualizada ás 14:20
A "sedución" e atracción dos 'neofalantes', a promoción do uso do galego entre a mocidade e a continuidade das accións para favorecer a transmisión interxeneracional do idioma, serán algúns dos eixos que caracterizarán a actividade da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o presente exercicio.
Algunhas destas medidas impulsaranse coa vista posta tanto no curto como no medio prazo, como o vixente 'Plan de Dinamización da Lingua Galega no ámbito socioeconómico' ou a próxima elaboración do 'Plan de Dinamización para a Mocidade', para o que contarán coas achegas de expertos, asociacións e entidades implicadas que traballan directamente cos mozos.
Así o destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a súa comparecencia na Comisión 4ª de Educación e Cultura, onde enmarcou estes dous plans nunha "actualización" e "desenvolvemento" do coñecido Plan Xeral de Normalización Lingüística, que conta xa con "trece anos" ás súas costas.
García destacou que Galicia conta coa mocidade "máis preparada da historia para escribir, entender e falar galego". Uns datos que, "con todo, non se corresponden co nivel de uso", polo que este novo plan tentará actuar nun segmento de idade ao que "non é fácil" chegar.
É aí onde se enmarcarán as actuacións respecto dos 'neofalantes', tentado "convencer" de que o galego ofrece "unha denominación de orixe" e unha "utilidade", á vez que introduce á cidadanía nas "vantaxes do plurilingüismo", un elemento "que aínda non calou na sociedade" a pesar de que "multiplica" as capacidades e posibilidades.
Este plan realizarase "da man" da Dirección Xeral de Xuventude, de expertos en dinámicas sociais da mocidade e, "nun segundo estadio de traballo, coa colaboración dos "colectivos que directamente traballan" con eles.
Un esquema de traballo "similar" ao plan socioeconómico, unha medida "asumida como plan de goberno" dotada con 5 millóns de euros de todas as consellerías e que levantou "grandes expectativas". Ambos os documentos atenden a dous sectores reflectidos no Plan Xeral de Normalización, buscando "actualizalo" mediante documentos de desenvolvemento sectorial.
ACCIÓNS DE DINAMIZACIÓN
Outro dos plans "novos" levados a cabo pasan polo Portal Xurídico Galego, con máis de 700 leis decretos lexislativos a disposición dos cidadáns e que supuxo un avance "importante" para os operadores xurídicos.
Tamén se avanzou en materia de formación "en liña", a través dos cursos de galego para adultos mediante o TIC tras os cambios do perfil de alumnado e da sociedade. García referiuse tamén ao papel da Rede de Dinamización Lingüística á hora de "visibilizar o idioma" nos distintos concellos e entidades, que permite actuar nas "contornas familiares" e na transmisión xeracional a través de accións pensadas para nenos e a súa contorna afectiva.
En suma, desenvolvéronse máis de 224 accións neste sentido, ademais dun novo programa chamado 'Galicia Culturea', con máis de 8.000 asistentes a actividades en espazos abertos.
Ademais, mediante a colaboración de artistas como Uxía, Maxín Blanco ou Santi Cribeiro, entre outros, levouse a figura e a obra de persoas como Neira Vilas ou Manuel María a toda a sociedade, permitindo ademais a elaboración de materiais didácticos.
A conmemoración do centenario de 'As Irmandades da Fala', mediante exposicións en colaboración co Museo do Pobo Galego, ou a boa acollida de iniciativas como Falaredes, con máis de 100 actividades, son algúns dos exemplos da acción dinamizadora do departamento de Valentín García.
"CONTRADICIÓNS"
Tras a exposición de García, Olalla Rodil, do BNG, percibiu por primeira vez "un cambio de tendencia" tras oito anos, mediante iniciativas como o plan destinado a fomentar o uso do galego na mocidade, pero mantivo o seu receo respecto das políticas derivadas da continuidade do decreto do idioma.
"Damos un voto de confianza ao cambio de tendencia, pero seguimos tendo nosas reservas coa súa política lingüística", insistiu, considerando que "calquera acción normalizadora" debe pasar por revisar o decreto do plurilingüismo.
Así mesmo, referiuse a os "gravísimos problemas" detectados no uso e atención en galego na xustiza ou na propia administración, e solicitou que se acheguen datos de cumprimento do plan destinado ao tecido económico.
Ánxeles Cuña, de En Marea, apuntou as "contradicións" entre o peso do idioma no ensino e os compromisos adquiridos tanto no PXNL como na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, sobre todo no marco "de que non se está nun momento feliz de falantes".
Neste sentido, sinalou que "non se avanza" en linguas estranxeiras e o decreto derivou "na marxinación" do galego como lingua vehicular. Así mesmo, pediu atender o idioma de modo "transversal", e atendendo "a todos os ámbitos da creación", ante o recoñecemento de que existe "unha necesidade real", en particular en espazos urbanos.
A LINGUA "NOS XULGADOS"
Concepción Burgo, do Grupo Socialista, apuntou os "efectos claramente negativos" da política lingüística da Xunta, dos que responsabiliza "ao propio presidente".
Entre eles, as consecuencias da rebaixa "do 73 por cento" nas contas destinadas a esta tarefa, e da implantación do decreto do plurilingüismo, que "puxo á lingua por primeira vez na historia da autonomía no xulgado". "Denunciado pola Real Academia Galega", precisou.
Do Grupo Popular, Cesar Manuel Fernández Gil defendeu pola súa banda a necesidade de "unir esforzos" para traballar a favor do impulso do idioma, e que o decreto conta "co aval da sociedade e dos xulgados". Así mesmo, apostou por "motivar" e "non impor", exercendo unha política positiva que respecte "a liberdade individual".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.