Pepe Solla e Treixadura na Festa do Queixo de San Simón

A organización de Vilalba segue apostando polos showcooking e os obradoiros de cociña para potenciar a merecida sona dun produto único na gastronomía galega.

Por X.M. Fernández | Vilalba | 31/03/2017 | Actualizada ás 09:53

Comparte esta noticia

Vilalba acolle os días 1 e 2 de abril na Praza da Constitución a XXIII edición da Festa do Queixo de San Simón da Costa, un produto con moita tradición na Terra Cha e gran proxección nos mercados internacionais. O respecto á tradición e o mimo artesanal co que se fabrica, fai deste queixo afumado, lixeiramente ácido e con forma de buxaina ou bala un produto exquisito e de alta calidade.

O chef Pepe Solla
O chef Pepe Solla

En canto á programación, o sábado 1 pola mañá será a final do concurso de tapas mediante a realización das tapas dos finalistas en directo. Pola tarde haberá un obradoiro de cociña infantil que terá como protagonista a Paula, gañadora do 4º Masterchef Junior e ás 19.00 h terá lugar o pregón a cargo do chef Pepe Solla (Casa Solla, Estrella Michelín). A continuación farase a entrega de premios do concurso de carteis e do X concurso de tapas con queixo de San Simón da Costa. A partir das 20.30 h. o grupo de música tradicional Treixadura ofrecerá un concerto no Auditorio Carmen Estévez.

Para o domingo 2 están programados pola mañá no recinto feiral dous interesantes showcooking, un a cargo do Chef Toño Lorenzo do Restaurante Faragulla de Chantada ás 12.00 h. e outro da man do Chef Iván Domínguez do Restaurante Alborada cunha Estrella Michelín a partir das 13.30 h.

Dende o ano 2005 o queixo de San Simón está protexido pola D.O.P. San Simón da Costa e o seu Consello Regulador correspondente. Falamos co secretario Ángel Ramil.

Cantas queixerías hai na D.O.P. e cantas participan na Festa?

Queixos. Fonte: CRDOP San Simón da Costa
Queixos. Fonte: CRDOP San Simón da Costa

Actualmente once e na edición da festa deste ano estarán presentes oito delas.

Que tal vai a comercialización a nivel nacional e internacional?

A nivel nacional estase vendendo moi ben, cada ano un pouquiño máis ao ser máis coñecido polo consumidor. E a nivel internacional podemos dicir que estamos en fase de consolidación de novos mercados, tanto a nivel europeo como noutros continentes. Véndese moi ben en países europeos como Dinamarca, Alemaña ou Suecia e a nivel internacional son grandes compradores México, EE.UU., Xapón ou Australia.

Ademais do seu sabor e forma característicos, que valores diferenciais axudan a vender este queixo?

O quizais máis importante é o factor conservación. É moi bo de transportar e manipular dada a súa consistencia e consérvase durante bastante máis tempo que outros queixos.

Como queixo artesanal que é hai perigo de perder o relevo xeracional?

En absoluto, ao contrario. As novas xeracións están collendo as rendas dos negocios familiares e a continuidade non só está garantida senón que se están a integrar novos coñecementos, ganas e innovación. Moitas queixerías están agora rexentadas por enxeñeiros agrónomos que saben como innovar sen perder a necesaria tradición que é un dos sinais de identidade do San Simón da Costa.

Como valoras o traballo do Consello Regulador?

Como entidade de apoio e control cremos que facemos o noso traballo con rigor. En canto á promoción mantemos contacto co consumidor en redes sociais e facemos campañas de publicidade puntuais como por exemplo unha que temos actualmente nunha empresa de autocares que fai o traxecto Santiago-Madrid. En canto á calidade e respecto da identidade tamén nos mantemos firmes, hai certas demandas de compradores que teñen pedido que lles comercialicemos o noso queixo en barra ou incluso con outra cor que non sexa a propia e, evidentemente, negámonos. O queixo de San Simón da Costa só se pode vender tal e como o coñecemos, como moito permítese a comercialización partido pola metade pero nada máis. Isto pensamos que é básico para manter a identidade e o prestixio.

Que produción se poñerá en venda esta fin de semana?

Descoñezo estes números pero para que vos fagades unha idea o ano pasado vendéronse arriba de 3.500 queixos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta