Os 300.000 fillos de Abel

Na súa traxectoria biográfica, Abel Caballero foi, primeiramente, profesor de Universidade, acadando a condición de catedrático de Teoría Económica.Posteriormente entrou, con dedicación exclusiva, na vida política:deputado do PSOE no Congreso dende 1982, ministro de Transportes (1985-1988) con Felipe González, candidato do PSdG á presidencia da Xunta no ano 1997 e, finalmente, alcalde de Vigo dende o 2007.No intervalo entre a súa saída do Parlamento galego (ano 2001) e o seguinte cargo político, Abel Caballero descubriu publicamente a súa vocación de escritor de novelas históricas.

Por Xesús Veiga | Santiago | 13/02/2010

Comparte esta noticia

Se Caballero tivera exercido como catedrático de Economía, non realizaría a obscena exhibición de simplismo analítico coa que tratou a problemática das Caixas galegas.Para alguén que posúe a máxima titulación académica non debería ser admisíbel confundir a sede social de Caixanova –Vigo- coa dimensión real da súa actividade –Galiza e parte do territorio estatal- e non debería resultar aceitábel considerar o futuro do sistema financeiro galego mediante un afastamento radical das alternativas posíbeis para Caixanova e para Caixagalicia.

Se o rigor que se lle supón ao catedrático D. Abel fica no armario do seu despacho universitario e, ademais, o político Caballero pasa polo vestiario que xa utilizou Leri para coller a camiseta do caudillo que quere liberar a Vigo dos seus “inimigos exteriores”, a manifestación do pasado día 9 resulta perfectamente verosímil.Existían as “condicións obxectivas” das que falaban os vellos marxistas e só faltaba un grupo de políticos ambiciosos con apoios nas “forzas vivas” da cidade para que tivera lugar a demostración de masas...

Pero, de cantas masas? Alí, na Porta do Sol, apareceu o novelista Abel Caballero para verbalizar o relato de ficción que tiña na cabeza.Sí, eran elas, aquelas 300.000 almas coas que soñara a noite anterior...

Os que pretendemos vivir no mundo real temos, dende hai tempo, un grave problema coa contabilidade das manifestacións.Se estiveramos en Madrid coñeceriamos a versión numérica dos organizadores, a elaborada polas policías correspondentes e o cálculo do xornal “El Pais”.Aquí, con varios xornais que presumen de obxectividade e profesionalidade, carecemos de cifras proporcionadas cunha metodoloxía de cálculo previamente identificada e non temos, por tanto, o mesmo nivel de pluralidade informativa.Por qué? Porque non poden acceder ás modernas técnicas de cálculo ou porque non queren eliminar a posibilidade de xogar coa cifra de asistentes a unha manifestación en función dos particulares intereses político-empresariais do editor de turno?Desexan coñecer a verdade dos feitos ou prefiren evitar que a realidade arruíne o titular que tiñan preparado?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.