Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2017 | Actualizada ás 18:13
Os neofalantes son xa unha realidade en Galicia. Por iso, o BNG iniciou, a través da súa organización xuvenil Galiza Nova, unha campaña de fomento do uso do galego que busca dotar de "ferramentas" e "apoio" a aqueles mozos que deciden "dar o paso" e cambiar o español pola lingua "propia" de Galicia.
"É difícil, é un acto de rebeldía", indicou a deputada nacionalista Olalla Rodil este xoves no acto de presentación da campaña 'Rebélate. Fala galego', que tivo lugar na Praza 8 de marzo de Santiago, onde estivo acompañada polo secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández.
Alí, Rodil explicou que o obxectivo da campaña é "potenciar o uso do galego entre os mozos", dado que, como arroxan os datos, "as franxas de idade máis novas están a abandonar case por completo" o emprego do idioma e "estase producindo unha fractura interxeneracional" debido á falta de transmisión "de pais a nenos da lingua propia deste país".
Así, a deputada nacionalista apuntou que "nos últimos anos" existen "moitas persoas" que decidiron "dar o paso" e comezar a falar galego cando, ata entón, a súa lingua habitual era o español.
"ACTO DE REBELDÍA"
"Fano nunhas condicións moi adversas porque non é fácil cambiar de idioma cando fuches educado en lingua española ou cando socializas. É difícil, é un acto de rebeldía", manifestou Rodil.
Por tanto, coa campaña 'Rebélate. Fala galego' percorrerá os centros de ensino de Galicia para repartir información entre o alumnado con pautas a seguir á hora de cambiar o castelán polo galego.
Trátase, en palabras de Rodil, de "darlle apoio, axuda e ferramentas" a aqueles que queiran "transitar da lingua española ao galego", así como de mostrarlles que están "apoiados por unha organización política" como o BNG. "A única forma de manter viva a nosa lingua é falala día a día", apostilou.
Pola súa banda, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, destacou que "dar o paso" de "no contexto actual" empezar a empregar o galego como lingua principal é "un gran acto de rebeldía contra un sistema que o que busca é homoxeneizar por completo a mocidade e eliminar calquera rastro de identidade diferenciada".
Así, tras salientar que o galego "non é unha cuestión limitante" senón que "abre moitos camiños", Fernández sinalou que estas persoas se atopan con problemas como certo grao de "discriminación" en ámbitos como o instituto ou outros ambientes, onde existen "barreiras" á hora de empregar a lingua galega como idioma habitual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.