Científicos avalían a contaminación por microplásticos na costa galega

Investigadores do Instituto Español de Oceanografía farán mostraxes en augas de Galicia e Cantabria

Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/04/2017 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A bordo do buque Ramón Margalef, investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) comezan hoxe unha campaña oceanográfica para avaliar a contaminación por microplásticos tanto na auga como nos sedimentos das costas de Galicia e Cantabria.

Buque 'Ramón Margalef' do Instituto Español de Oceanografía
Buque 'Ramón Margalef' do Instituto Español de Oceanografía | Fonte: IEO.

Durante oito días, os científicos estudarán a distribución espacial e temporal dos microplásticos e os seus contaminantes asociados e avaliarán a efectividade da mostraxe de diferentes redes para o estudo destes contaminantes emerxentes.

O buque parte do porto de Vigo e percorrerá parte do litoral atlántico e cantábrico para realizar mostraxes nas augas superficiais e sedimentos entre 50 e 200 metros. A campaña enmárcase no proxecto europeo BASEMAN (Establecemento de protocolos e referencias para a análise de microplásticos en augas europeas), financiado pola convocatoria JPI-Oceans e coordinado polo centro de investigación alemán Alfred Wegener Institute Helmholtz Centre for Polar and Marine Research (AWI).

O obxectivo principal de BASEMAN é establecer unha metodoloxía estandarizada para a identificación e cuantificación da contaminación por microplásticos nos océanos. Este proxecto, no que participan 26 institucións de 14 países, divídese en cinco paquetes de traballo, un dos cales, o de mostraxes, está liderado por Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

non hai quen CERTIFIQUE as augas que verte a nova EDAR de Vigo ? https://flic.kr/p/QpAGAj