De Lara cita a Conde Roa e Albino Vázquez como investigados polas contas do PP de Santiago

Chama a declarar tamén como testemuñas ao que foi secretario xeral dos populares composteláns e a un ex-tesoureiro no período no que se fixeron até 17 ingresos en efectivo na conta do Partido Popular na capital galega e cuxo importe ascende a 26.970 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2017 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, citou en calidade de investigados a declarar ao ex-alcalde compostelán popular Gerardo Conde Roa e ao ex-edil Albino Vázquez Aldrey nas dilixencias abertas sobre as contas do PP de Santiago por ingresos entre maio e xullo de 2011 por mor da instrución da 'Operación Pokémon'. Ambos os dous foron citados en calidade de investigados o 20 de xuño, ás 10,00 horas.

Conde Roa nunha recente rolda de prensa
Conde Roa nunha recente rolda de prensa

Previamente, o día 19 de xuño ás 11,00 horas foron citados en calidade de testemuñas o que foi secretario xeral do PP de Santiago no período investigado por De Lara, Manuel Luís Silva Constenla, e o que foi tesoureiro Francisco Javier Rodríguez Enríquez. Tamén o 19 de xuño ás 10,00 horas foron citados en calidade de testemuñas á directora da sucursal onde se fixeron os ingresos investigados, así como un traballador da mesma.

Estas citacións despréndese dun informe de Vixilancia Aduaneira do 10 de maio de 2017, ao que tivo acceso Europa Press, elaborado para "pescudar a orixe do diñeiro ingresado en efectivo polo Partido Popular no Banco Santander" que figura co concepto 'Ingresos en efectivo do Partido Popular' realizados en dúas contas bancarias da formación política.

Aduanas explica no seu informe que, segundo consta na documentación remitida pola entidade bancaria en contestación a oficios xudiciais, aparecen "entre os meses de maio e xullo de 2011, período no que coincidiron as eleccións municipais nas que foi elixido Conde Roa alcalde de Santiago. Trátase de "17 ingresos en efectivo de Partido Popular cuxo importe ascende a 26.970 euros", concrétase no documento.

RESPONSABLES DA CONTABILIDADE

As conclusións de Vixilancia Aduaneira "tendo en conta o que manifesta Manuel Luís Silva Constenla —secretario xeral do Partido Popular en Santiago nas datas obxecto de investigación—" sinalan que nas contas bancarias do PP de Santiago "non constan ingresos en concepto de doazón".

Ademais, conclúe que "os responsables da contabilidade e contas bancarias do Partido Popular de Santiago a data de maio e xuño de 2011 eran Gerardo Conde Roa e Manuel Luís Silva Constenla".

A documentación de Vixilancia Aduaneira recolle, así mesmo, que un traballador da sucursal bancaria na que se fixeron as achegas investigadas nese período electoral sinalou ao ex-concelleiro Albino Vázquez Aldrey como a persoa que "fixo ingresos".

Ademais, o traballador da sucursal engadiu que "non só Albino Vázquez Aldrey fixo ingresos nesas contas", senón que "houbo outras persoas, pero non as coñece", segundo engade Aduanas no seu informe.

CONCLUSIÓNS FINAIS

Nas conclusións finais, Aduanas sinala que "Albino Vázquez Aldrey efectuou ingresos en maio-xuño de 2011 en concepto de ingresos en efectivo do Partido Popular" e que "outras persoas", ademais deste, "efectuaron ingresos en efectivos" nas dúas contas investigadas cuxo titular é o PP.

Así mesmo, Vixilancia Aduaneira conclúe que nas datas obxecto de investigación, maio-xuño de 2011, os autorizados ás contas do Banco Santander co PP como titular "eran Gerardo Conde Roa, Manuel Luís Silva Constenla e Francisco Javier Rodríguez Enríquez".

Por iso, recomendan citar aos apoderados das contas cuxo titular é o Partido Popular para que expliquen "a orixe das 17 imposicións con concepto 'Ingresos en efectivo de Partido Popular' realizadas nesas contas en maio e xuño de 2011" por importe de 26.970 euros.

Nesta liña, interesa que aclaren "o motivo de por que se realizan varios ingresos en efectivos no mesmo día con operacións sucesivas efectuadas case no mesmo acto sen que conste a identificación física do ordenante".

"Feito do que se deduce que poderían terse fraccionado tales ingresos a fin de evitar o control e a identificación esixida pola normativa vixente nese momento na materia", segundo sostén Aduanas.

Por outra banda, outro auto de 9 de maio de 2017 do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo decreta o sobresemento das dilixencias relativas a Javier Riestra Rodríguez-Losada por falecemento do mesmo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta