Os tentáculos da Operación Púnica tamén chegan a Galicia

O ex alcalde da Rúa asinou un contrato cun dos investigados na trama. Nese documento, a cambio dunha auditoría gratis, o concello quedaba obrigado a contratar con esa empresa a renovación integral do seu alumeado. O procedemento foi o mesmo que a empresa fixo en varios concellos de Madrid investigados pola UCO.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 01/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Setembro de 2014. Avelino García, entón alcalde popular da Rúa, en Ourense, e hoxe senador do PP, asinaba un contrato con Juan José Guzmán, representante da firma enerxética Asproener. En principio semellaba un contrato normal que implicaba que esa empresa ía realizar un plan enerxético “gratis” para “optimizar o consumo enerxético”. A trampa viña despois. Esa empresa, obrigaba ao concello a cambiar o alumeado público exterior do municipio con ela. Senón era así, o concello tiña que pagar 17.500 euros “en concepto da auditoría realizada”. É dicir, case o máximo que un concello pode contratar a dedo e sen publicidade --menos de 18.000 euros-- que é a barreira legal para algúns municipios, como o da Rúa, para contratar sen facer concurso público.

Principais investigados na Operación Púnica
Principais investigados na Operación Púnica | Fonte: laburbuja.es

Meses despois, en 2015, saltaba aos medios unha das máis importantes tramas de corrupción que teñen afectado a empresarios e políticos de Madrid, a Trama Púnica. Unha actuación xudicial que acabaría por provocar a dimisión, e  nalgúns casos o procesamento, de destacados membros da cúpula do PP de Esperanza Aguirre, entre eles, a propia Aguirre e o seu número dous Francisco Granados.

Nese sumario, unha das firmas, a multinacional francesa Cofely, do grupo GDF-Suez, está acusada de ter recorrido á presunta trama corrupta para amañar contratos de aforro enerxético que suman 250 millóns de euros. As pesquisas da Uco serviron para comprobar que tamén outras empresas utilizaron as prácticas de Cofely para garantir contratos enerxéticos por importes millonarios. Unha desas firmas é Asproener SL.

Actuaba en varias autonomías

Esta empresa que acabou entrando no Concello da Rúa está vinculada con licitacións de máis dunha ducia de consistorios da Comunidade de Madrid; Humanes, Torrejón de la Calzada, Griñon, Cubas de la Sagra, Algete, Arroyomolinos, San Lorenzo del Escorial, Casarrubuelos, Moraleja de Enmedio, Navalcarnero, Quijorna, El Álamo y Chinchón. Todos eles gobernados polo PP cando contrataron con Asproener. Tamén asinaron contratos noutros consistorios de Castela a Mancha, Castela e León e Extremadura, ademais de Galicia. 

Juán José Guzmán, dono de Asproener, investigado na Operación Púnica,  é o terceiro pola dereita
Juán José Guzmán, dono de Asproener, investigado na Operación Púnica, é o terceiro pola dereita | Fonte: marioprieto.com

De feito, no sumario recollese que se estableceu unha “pequena rede púnica” vinculada a contratos de auditoría lumínica. O mesmo que se facía na “gran rede púnica”, onde a francesa Cofely utilizou os contactos políticos do ex consejero de Presidencia de Madrid, Francisco Granados, e ao seu socio e amigo construtor, David Marjaliza, para que diferentes concellos sacaran a concurso a licitación para o subministro da enerxía eléctrica municipal.

A decisión, tal e como aconteceu no Concello da Rúa, se camuflaba argumentando que a privatización suporía un aforro na factura enerxética da localidade e melloraría aos seus parámetros medioambientais, pero o momento clave do amaño tiña lugar a continuación. Os pregos do concurso eran redactados seguindo as recomendacións que elaborara previamente unha suposta consultora independente de eficiencia eléctrica, que nuns casos era Ruta Energética e noutros Asproener. 

As primeiras vinculacións desta segunda empresa coa rede púnica fíxoas pública UpyD nunha denuncia na que aseguraba que Asproener non era unha trama independente, senón que estaría vinculada co núcleo duro da Púnica. O dono desta compañía é Juan José Guzmán, o mesmo que asinou o contrato na Rúa. 

Quen é Juan José Guzmán

O empresario vinculado á Púnica, militante do PP na localidade madrileña de Griñón, era director de Industria, Energía y Medioambiente da Cámara de Comercio de Madrid ata que en 2011 abandonou o cargo para crear a consultora Asproener SL, que, pouco despois, e segundo recolle o sumario xudicial da Púnica, adicouse a facilitar a consecución de contratos públicos á compañía Cofely.  Os seus contactos na entidade cameral, na que se encargou de promover a redución do consumo enerxético entre os empresarios madrileños, axudouno a estender a trama. 

Segundo recolle o sumario, a consultora entregaba directamente aos concellos da trama os contratos  que tiñan que asinar, así como os pregos técnicos do servizo de iluminación. De feito, o contrato asinado na Rúa é igual que os que este empresario asinou noutros concellos madrileños investigados na Púnica.

Pero, como chegaron Asproener e Juan José Guzmán a Galicia?. Avelino García asegura que foi a través de contactos comúns, aínda que non tería que ver con dirixentes do seu partido en Madrid. Ese contacto común sería R.A., un suposto conseguidor, que logo “acabaría mal con eles”. “Falando con el díxome que o enganaran”, afirma en declaracións a Galicia Confidencial.

“Oferta pausible”

“A min chegoume a través dunha empresa e a oferta era moi pausible. Había que facer unha auditoría, que era gratis, e logo diso pois se podería cambiar toda a iluminación do pobo en dez anos. Semellaba unha oferta vantaxosa para nós”, indica. “Estes señores viñeron de Madrid ou Valladolid –Asproener-- e o que asinamos foi a realización dunha auditoría que foi o que se fixo”, insiste.

E non sabía nada desta empresa, das súas vinculacións políticas?. “Eu me informei con outros concellos de como se facía e semellaba que estaba todo ben. Nese momento houbo moitas ofertas de moitas empresas e barallamos a que puidera ter mellor resultado, aínda que o contrato nunca se chegou a sacar”, aclara. 

Nas municipais do 2015, o PP perdeu a maioría absoluta. Un pacto entre o BNG e o PSdeG desaloxou a Avelino García do concello e puxo como alcaldesa á nacionalista María González Albert durante dous anos, mandato que está a punto de esgotarse, para deixar o mando ao seu socio socialistas. “Despois xa non sei que pasou con iso. Creo que non fixeron nada con esa empresa”, indica o ex rexedor popular.

“Eles romperon o acordo desde que empezaron a poñer bombillas con outras empresas”, indica ao suliñar que o Concello da Rúa chegou a un acordo co Inega para realizar unha remodelación do alumeado público sen contar con esa auditoría realizada por Asproener.  “E iso fixérono sen pasar por comisión e a nós non nos convocaron”, engade. “Tratábase de tres cadros eléctricos que cambiamos grazas a unha subvención do Inega que fixo cunha empresa de Ourense e outro cadro cambiado noutra zona con outra empresa do Porriño con outra subvención”, aclara a actual alcaldesa, María González en declaracións a este medio.

Así lembra que, ao chegar ao concello en xuño de 2015, atopáronse coa existencia dese contrato e desa clausula que non sabían como afrontar. Pouco despois, antes de setembro dese ano, Asproener púxose en contacto co concello para executar o contrato ou pagar  os 17.500 euros que a empresa tiña pactado co anterior rexedor popular no caso de non realizalo. “El Ayuntamiento en base a las recomendaciones del Gestor, efectuará la convocatoria de un procedimiento de contratación para la adjudicación a un ESE del contrato de la gestión integral del alumbrado exterior del municipio en la modalidad contractual más adecuada. En este caso, el Gestor repercutirá en la empresa adjudicataria, el importe de la auditoría Energética del alumbrado púbico exterior expuesta en el punto primeiro”, recollía ese contrato ao que tivo acceso GC.

“Era un contrato menor e non era preceptivo o informe da Secretaría. Pero eu pedinlle consello a quen era entón a secretaria. Díxome que, aínda que era legal, ela xa lle recomendara a Avelino que non asinara”, apunta. “Ela participou das negociacións. Eu consulteillo e ela díxome que era 100% legal”, rebate o ex rexedor popular sobre a intervención da ex secretaria.

Asproener deixou de chamar ao concello

O novo concello fíxolle saber á empresa que, antes de que eles fixeran a súa asesoría, xa había outras dúas asesoría gratis feitas e que o que eles pedían “non era xeito de proceder”. María González e o seu equipo de goberno deixaron pasar o tempo. Un mes despois saltaba a trama da Púnica nos medios. E, desde entón, ninguén en representación da empresa se volveu a poñer en contacto con eles.

“Non sei se cometemos ou non un erro. Igual pequei de inexperiencia, pero eu naquel momento o que pensaba era nos case 18.000 euros que iso lle ía custar ao concello e, por iso, deixámolo correr. Non sei se fixemos ben ou non pero está claro que non podiamos pagar por algo que non se fixo”, conclúe.

Polo momento, o proceso da Púnica aínda segue aberto. Juan José Guzmán e Asproener parecen ter desaparecido e as condicións que puñan nalgúns dos contratos xa foron denunciadas por algúns consistorios que se teñen negado a pagar alegando “inseguridade xurídica”. Unha decisión que tamén pode tomar o concello da Rúa, aínda que dependerá do que decida o equipo de goberno.

Avelino García, ex rexedor da Rúa e senador do PP, xunto con Alberto Núñez Feijóo
Avelino García, ex rexedor da Rúa e senador do PP, xunto con Alberto Núñez Feijóo | Fonte: xunta.gal
María González Albert, alcaldesa da Rúa
María González Albert, alcaldesa da Rúa | Fonte: creandotuprovincia.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 naseiro

COMO CHEGAN, pero si o crimen e roubo do partido populeta sairon de Galicia...