Por Xesús Veiga | | 21/06/2010
Dende que o PP acadou a maioría absoluta o 1 de Marzo do ano pasado, temos asistido a espectáculos inéditos no teatro da política galega.Un dos mais recentes foi esa imaxe de varias persoas do Grupo Parlamentario Popular visitando a Consellería de Traballo para revisar papeis relativos ás subvencións concedidas polo bipartito a distintas asociacións e colectivos sociais.
Teño que recoñecer que experimentei unha certa nostalxia daqueles anos nos que como deputado do BNG no Parlamento galego solicitaba ao goberno de Fraga a relación de axudas concedidas a empresas e asociacións e recibía como resposta o silencio ou un conxunto de papeis nos que figuraban unicamente os números dos expedientes tramitados sen ningunha información sobre a identidade dos beneficiarios.
Polo visto ate o momento, o goberno de Núñez Feijoo tardou mais tempo en elaborar un Plan Estratéxico de carácter económico –preñado, polo demais, dos lugares comúns que xa figuraban en anteriores documentos da era Orza- que no labor de acumular dados relativos ás actuacións do bipartito para poder practicar a coñecida “oposición da oposición”.As prioridades dos primeiros meses do conselleiro-secretario xeral Alfonso Rueda foron evidentes:os funcionarios deberon utilizar unha parte importante do seu tempo na busca e captura dos expedientes supostamente comprometedores do goberno de Touriño e Quintana.A crise económica e a dilixente atención ao funcionamento da Administración foron menos importantes que as urxentes esixencias da loita partidaria.
No ano 2005 o bipartito tiña motivos fundados para abrir os armarios e os caixóns que foran usufrutuados durante 16 anos por un partido que usara e abusara dunha permanente maioría parlamentaria.Poren, preferiu pasar páxina e mirar para outro lado.Cometeu dous erros:renunciou a practicar un pedagóxico exercicio de transparencia e limpeza sobre a herdanza recibida e infravalorou as capacidades de recuperación dun PP que naquela altura discutía se Feijoo, Cuiña, X.M. Barreiro e López Veiga eran os mais indicados para pilotar o posfraguismo.
Hoxe, PSdG e BNG –cada un en doses diferentes- están pagando a penitencia daquel pecado de soberbia.O PP de Feijoo, como un novo rico sen escrúpulos, pretende pasar unha boa parte da actual lexislatura fiscalizando tres anos e medio de xestión bipartita, ignorando mais de vinte anos de actuacións de tantos conselleiros e directores xerais “populares” que deixaron algo mais que a súa pegada política nas instalacións de San Caetano.Vivir para ver.E para aprender.