Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/06/2017 | Actualizada ás 09:00
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas advertiu da necesaria reflexión que debe realizar o Goberno galego ao respecto da pervivencia dunha “actividade cruenta” como a tauromaquia no territorio galego, logo da morte do toureiro de orixe galega, Iván Fandiño, nunha praza de Francia.
Os abolicionistas lembran que o executivo mantén en suspenso unha iniciativa para prohibir o acceso de persoas menores de 12 anos aos eventos tauromáquicos dende 2011, e defende a continuidade desta proposta logo das imaxes da collida do "matador" no coso de Aire Sur L'Adour. Así, lembras que 2os rapaces e rapazas tamén están expostos a estes contidos a través do televisor, coa programación de Televisión Española defendendo as touradas”.
Así, a coalición ten previsto solicitar do Parlamento de Galicia a aprobación dunha iniciativa para instar ao goberno central e á Corporación de RTVE a desconexión territorial se a canle pública emite contidos relacionados coa tauromaquia ou ensalzando estes actos de malos tratos aos animais. Lembra que existe un magacine semanal e cada vez máis novas insertadas nos informativos que tratan de xerar unha imaxe positiva da tortura dun animal.
Neste senso Galicia, Mellor Sen Touradas considera “pouco afortunadas” as declaracións que dende os concellos de Abegondo e Oza-Cesuras se realizan ao respecto desta última morte dun toureiro, e contrapón a suposta heroicidade dunha persoa que participa libremente dunha actividade de risco e amplamente rexeitada pola cidadanía, fronte á labor de auténtico recoñecemento público e social que están a realizar os servizos de emerxencia no centro de Portugal, no triste coñecido lume de Pedrógão Grande, onde están a cooperar militares de orixe galega.
“As touradas deben ser abolidas precisamente para rematar coa violencia e o sufrimento que xeran, ademáis da imaxe que destas se traslada ao exterior, onde a tauromaquia está proscrita en grande parte do planeta”, sinalan os abolicionistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.