Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2017 | Actualizada ás 12:37
O máis terrible incendio na historia de Portugal: 26.000 hectáreas de bosque queimadas, 64 mortos e 135 feridos. Este é o último balance dun lume controlado agora nun 70 por cento e que ten contra as cordas ao país veciño. A magnitude da traxedia pode verse nunha imaxe tomada o 18 de xuño dende o espazo polo satélite Proba-V da Axencia Espacial Europea (ESA).
O Proba-V, lanzado en maio de 2013, ten como obxectivo monitorizar e estudar a cuberta de vexetación do noso planeta. Os datos que achega úsanse para estudar o uso da terra, clasificar os tipos de vexetación que a cobren, vixiar as colleitas, predicir fames negras e facer estudos da biosfera.
Proba-V permite controlar a extensión da vexetación que cobre o mundo case a diario, xa que é capaz de obter imaxes do 93% do noso planeta nun día. Para iso úsase a chamada cámara de vexetación, cunha resolución máxima de 100 metros no espectro visible e de 200 metros no infravermello próximo nos 500 quilómetros centrais dos 2.250 que alcanza o seu campo de vista; fóra desta área central a resolución é de 333 metros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.