Por Alberto Quián e Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 06/07/2017 | Actualizada ás 08:00
Estas organizacións saen a prol do eucalipto, ademais, nun intre clave e rascando o peto. La Voz de Galicia, Faro de Vigo e outros xornais en papel publicaron esta semana unha páxina de publicidade completa e a toda cor a favor desta polémica especie. O seu argumento principal é que os eucaliptos non favorecen os lumes, xa que "a maioría dos incendios se producen nas zonas abandonadas, non nos eucaliptales". O lema da campaña: "Datos, non opinión".
Os asinantes desta campaña nos grandes medios a prol do eucalipto son a: AFG - Asociación Forestal de Galicia, ASEFOGA - Asociación Sectorial Forestal Galega, ASEMFO - Asociación Nacional de Empresas Forestales, Asociación Provincial de Empresarios de la 1ª Transformación de la Madera de Lugo, Asociación Galega Monte Industria, Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, PROMAGAL - Federación de Asociacións de Produtores de Madeira de Galiza, SERFOGA - Asociación de Empresas de Servicios Forestais de Galicia e Universidade de Santiago PEMADE - Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC.
A maioría dos lectores percibiron que a USC apoia o eucalipto, o que desatou unha avalancha de críticas en redes sociais. Por exemplo:
En defensa do eucalipto: pic.twitter.com/9EInHyklzv
— Kiko Novoa (@kikonovoa) 04 xullo 2017
GC púxose en contacto coa Universidade para dar o seu punto de vista. Fontes oficiais da USC aclaran que “a Universidade, como tal, non ten ningunha opinión sobre os eucaliptos ou sobre a nada, simplemente respecta a liberdade de investigación dos seus grupos investigadores”.
Ademais de tomar distancia sobre o anuncio, dende a Universidade explican que o logo que aparece no anuncio en realidade é só o de PEMADE, que de seu inclúe o logotipo da propia USC.
APOIA OU NON A USC O EUCALIPTO?
“Como institución non podemos posicionarnos,” argumentan dende a Universidade, responsabilizando en exclusiva a PEMADE.
PEMADE é un grupo de investigación do campus de Lugo relacionado coa enxeñería da madeira. No seu sitio web destaca o seu compromiso contra o cambio climático. Está dirixido por Manuel Guaita, catedrático de Enxeñaría Agroforestal lucense. Entre as institucións colaboradores deste grupo de investigación hai varias empresas madereiras.
GC contactou con Guaita para que explicase o seu punto de vista. Por que os enxeñeiros de plataforma da USC PEMADE prestaron a súa sinatura a esta campaña pro-eucalpito? O director de PEMADE, responde que, en primeiro lugar, porque o que se presenta no anuncio “son só datos e non opinións”.
O catedrático da Universidade, do Departamento de Enxeñaría Agroforestal, engade que PEMADE forma parte do Clúster da Madeira -promotor da inserción publicitaria- e insiste en que o anuncio “non presenta opinións; nese caso igual faría outro plantexamento”.
Guaita, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, di entender a polémica sobre o eucalipto, pero evita afondar nela. Agora ben, considera necesario que na sociedade se “abra un debate en base aos datos” e insiste en que PEMADE non se pode negar a asinar un texto baseado neles.
APOIO DUN SINDICATO E DA MAIOR ASOCIACIÓN DE COMUNIDADES DE MONTES
A gran maioría dos asinantes do anuncio están vinculados coa patronal da madeira e forestal. Con todo, non é o caso de Pemade-USC, ASEFOGA (un colectivo vinculado ao sindicato Unións Agrarias) e AFG (colectivo que xunta a comunidades e propietarios particulares de montes, sendo a maior deste tipo no país).
A publicación deste anuncio agora non é trivial. Ademais do sucedido en Portugal, a Xunta ten previsto publicar o agardado novo Plan Forestal este verán.
A intención do Goberno era limitar a expansión do eucalipto no interior, onde está a gañar terreo debido a unha nova subespecie que soporta as xeadas. Visto o visto, unha moratoria a esta árbore pode suscitar resistencia por parte dunha parte do tecido forestal, da madeira, sindical e mesmo académico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.