Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 05/08/2010
Dous argumentos fundamentais formaban esa discusión no meu foro interno, en relación a este asunto, por un lado, o fondo rexeitamento que me produce o primitivismo e salvaxismo dun divertimento consistente en desfrutar da lenta e dolorosísima tortura pública dun animal, e doutra parte a miña ideoloxía demócrata liberal que me leva a pensar, polo menos de maneira inicial, que o feito de que eu rexeite un espectáculo só me autoriza a non ir velo pero non a pedir a sua prohibición para que non poida ir velo quen así o escolla, por moi minoritario que, afortunadamente, sexa este primitivo “gosto” en Galicia, a nosa nacionalidade histórica, como está definida na sacrosanta Constitución Española.
Hai algo, sen embargo, que me empurrou a pronunciarme e iso non foi o impecable proceso democrático que seguiu o Parlamento catalán onde só partidos dos estremos ideolóxicos do arco parlamentario e minoritarios como o PP, ERC e IC votaron en bloque nun ou noutro sentido mentres os dous partidos centrais da política catalana CiU e PSC daban liberdade de voto aos seus deputados, práctica esta última moi saudable e completamente en desuso tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento de Galicia, demostrando, unha vez máis, que Cataluña leva ao resto de España un par de longos de piscina na sua cultura democrática.
O que si me levou a pronunciarme finalmente foi a furibunda reacción da brunete mediática madrileña de dereitas e de esquerdas que non dubidou, en atacar a decisión democrática do Parlamento catalán, dunha forma máis ou menos disimulada con reportaxes moi extensos e panexíricos da salvaxe costume íbera das touradas, chegando o Partido Popular ao grotesto e ridículo extremo de propor a protección por lei da festa dos touros.
É lamentable, baixo o meu punto de vista, que praticamente todos os xornais e televisións radicados na vila e corte, consideren que a tortura pública dun animal é un dos alicerces fundamentais da cultura española e que o que se decidiu en Cataluña non foi máis que unha agresión á españolidade, se prohibir democraticamente o salvaxismo e a tortura animal supón agredir á españolidade creo que os defensores, tan maioritarios nalgúns sitios, deste concepto primitivo de españolidade, ao que denominan cultura taurina, precisan tomar uns cantos cursos de marketing e viaxar un pouco máis aproveitando o magnífico aeroporto que ali teñen.
A pprimeira parte a resolver, para min, na cuestión da prohibición ou non, non é se unha maioria (os que en Galicia abominamos das touradas) podemos prohibir a unha minoria (os que en Galicia gostan das touradas) o desfrute deste “espectáculo”. Con carácter xeral e para un demócrata liberal, a resposta debería ser non, o principio está claro, as maiorias non poden restrinxir os dereitos e liberdades das minorias como tanto gostan de facer o PP, o PSOE ou o BNG cando están en posición maioritaria. Nos réximes totalitarios podese prohibir o que lle apeteza ao ditador pero na democracia liberal non, é necesario argumentar moi ben que principio superior está por riba desa liberdade individual para pretender defender a prohibición dunha determinada actividade.
A pregunta subseguinte é; se o desfrute da tortura dun animal non debe estar entre esas cousas que unha democracia liberal exclue desa posibilidade de escolla individual, ao igual que exclue desa posibilidade de escolla as agresións aos dereitos humanos, igual que exclue as agresións á propiedade privada, igual que exclue as agresións a esas mesmas liberdades individuais que protexe ou igual que exclue o dereito á ignorancia que o señor Feijóo promove en Galicia en relación á nosa língua.
E teño que dicir finalmente que a resposta, para min, é afirmativa, un espectáculo consistente en marear e espetar a un animal ata a sua morte creo que é algo que unha democracia civilizada non debe tolerar, desfrutar dalgo así envilece e rebaixa a toda a sociedade e non só aos que van velo, alonxándonos dos parámetros de calquera democracia liberal avanzada, e polo tanto civilizada, do mundo. A democracia liberal non debe ser compatible co maltrato animal polo que me declaro persoalmente partidario da prohibición das touradas, con tortura e morte do animal, en Galicia. Gustaríame neste punto expresar a miña identificación e admiración polo pai da Patria máis avanzada de iberoamérica, Bernardo O'Higgins, primeiro presidente da república chilena que aboliu a escravitude e as touradas no mesmo decreto, O'Higgins marca con esta decisión o camiño a seguir, identificando unha e outra costume como propias de sociedades incivilizadas.
Lonxe da democracia liberal están os políticos do PP (Deputación de Pontevedra e Concello de Muiños) e do PSOE (Concello da Coruña), que nen sequera teñen a decencia de actuar con neutralidade deixando que a lei da oferta e demanda poña ás touradas, no sitio que decidira a cidadanía, a través do mecanismo do mercado, estes políticos que pertencen á minoria que gosta das touradas, ainda que estexan nos partidos maioritarios, deciden subsidiar esas “celebracións”, co diñeiro dos impostos duns cidadáns, que nun 86%, sentimos indiferencia ou rexeitamento cara a “Lidia” en Galicia,”. É evidente que prefiren promocionar, iso si, co diñeiro dos demais (é fundamental que o diñeiro sexa dos demais), o que eles, e non eu, chaman cultura española en vez de investir ese diñeiro en verdadeiras necesidades da cidadanía.