Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2017 | Actualizada ás 14:02
Unha nova ferramenta informática, desenvolvida por enxeñeiros e lingüistas da Universidade de Vigo e do Centro Ramón Piñeiro, ofrece un sintetizador de voz gratuíto que converte documentos e textos escritos a formato oral en lingua galega. Trátase do proxecto CoToVía, que destaca pola enorme potencialidade das súas aplicacións en todos os ámbitos, sobre todo desde o punto de vista da accesibilidade e de integración social.
Segundo explicou o director da iniciativa, Manuel González, persoas con discapacidade visual poderían consultar un dicionario, unha web, unha novela ou usar un programa informático sen necesidade de recorrer a recursos 'braille'.
Os beneficios desta ferramenta esténdense a toda a sociedade, ao favorecer a "automatización" das comunicacións e da información en trámites como consultar a túa conta bancaria ou reservar uns billetes de tren ou mesmo no ensino de idiomas e nas tarefas de verificación de textos.
González destacou a importancia de que a lingua galega avance e se integre nas chamadas "tecnoloxías da fala", que resultan "fundamentais" para "asegurar a utilidade dos idiomas na sociedade actual e no futuro", apelando ás administracións públicas a investir e destinar recursos nesta liña.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a importancia deste "gran proxecto", que sitúa a lingua galega "na vangarda" e "nas mesmas condicións ca outras linguas" no mundo.
Así, destacou non só a "funcionalidade comercial" que favorece esta ferramenta, e "cada vez máis importante" na sociedade, senón a súa faceta social e as posibilidades á hora de "eliminar barreiras e fronteiras" nun panorama cada vez máis tecnoloxizado.
FUNCIONAMENTO
A versión definitiva do sintetizador xa está dispoñible (ftp.net-snmp.org), de acceso libre e gratuíto, para a súa descarga baixo licenza Creative Commons, de modo que calquera empresa e usuario poderá modificalo, configuralo e adaptalo ás súas necesidades.
A ferramenta funciona mediante a concatenación de unidades e difonos extraídos da linguaxe natural, emulando voces masculinas e femininas e mesmo máis graves ou máis agudas en función das preferencias do usuario.
Todo iso faise a través de tres módulos destinados a arquivar os recursos lingüísticos, acústicos e prosódicos (entoación, ortografía, duración dun segmento, etc) cos que se interpretará o texto dunha maneira intelixible, fiable e cunha gran naturalidade e proximidade ao discurso oral, un avance respecto das primeiras versións do programa que contaban cunha voz máis mecánica.
Unha vez obtida a frase textual, o programa normaliza o texto e realiza un preprocesado do mesmo, para despois realizar unha análise morfolóxica e sintáctica.
Esta tarefa deriva nunha transcrición fonética, a partir da que se dá ordes para buscar unha secuencia determinada no módulo acústico, e un modulado prosódico, coa duración dos segmentos, a súa intensidade e a frecuencia de cada vogal.
CoToVía xa ten aplicacións en sitios webs como o da propia Xunta de Galicia e noutras institucións públicas e privadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.