Por Alberto Quian | O Grove | 16/07/2017 | Actualizada ás 10:57
Un equipo internacional de investigadores vén de facer público o achado da maior comunidade de golfiños xibosos do Índico existente no mundo, no Golfo Pérsico. Trátase dun descubrimento excepcional froito dun estudo dirixido polo biólogo galego Bruno Díaz López, director do Bottlenose Dolphin Research Institute - BDRI (Instituto para o estudo dos golfiños mulares), con sede no Grove.
O equipo, formado por once científicos, presenta os resultados do seu estudo no Journal of the Biological Association do Reino Unido, nun artigo titulado 'The distribution, abundance and group dynamics of Indian Ocean humpback dolphins (Sousa plumbea) in the Emirate of Abu Dhabi (UAE)'. Neste tamén se indica que o limitado alcance costeiro e a súa distribución preto da costa fan que esta poboación de golfiños xibosos, en perigo de extinción, sexa particularmente vulnerable á mortalidade e a lesións traumáticas causadas pola destrución do hábitat, o tráfico marítimo pesado e as redes de enmalle.
En total, realizáronse 368 horas e 6.703 quilómetros de observación durante cinco meses e producíronse 54 encontros con golfiños xibosos. Nestes encontros atopáronse dende un só exemplar até grupos de 24 individuos. A composición do grupo mostrou que o 79% dos golfiños observados eran adultos.
A revisión de todos os datos dispoñibles indica que a poboación estudada é a máis grande reportada no mundo desta especie, con 701 individuos estimados na zona (as demais documentadas sempre foron menores de 500 exemplares e normalmente por debaixo de 100).
Os científicos tamén salientan que aínda que son habituais en augas preto da costa de Abu Dhabi, parece ser só uhna parte dunha área moito maior na que se desenvolve esta poboación de golfiños xibosos, en perigo polas múltiples ameazas derivadas de actividades antropoxénicas —as dos seres humanos—, o cal aumenta a preocupación dos investigadores pola conservación desta comunidade de cetáceos.
Antes deste estudo, ningunha investigación se centrara na ecoloxía desta especie dende o norte de Kenia até a costa da India.
Bruno Díaz López é o fundador e director do centro BDRI desde 2005. En 2013 foi elixido polo Goberno de Abu Dhabi para formar aos profesionais da Axencia de Medio Ambiente dos Emiratos Árabes e dirixir o primeiro proxecto de conservación de cetáceos en augas do Golfo Pérsico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.