A exposición sobre o Mestre Mateo chega a Santiago tras o seu éxito no Museo do Prado

A mostra recolle pezas orixinais do Pórtico da Gloria, algunhas delas recuperadas durante os traballos de restauración.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/07/2017 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O Pazo de Xelmírez da Catedral compostelá alberga desde este xoves unha exposición centrada na obra do Mestre Mateo que reúne pezas que formaban parte do Pórtico da Gloria orixinal: "esculturas con maiúsculas" dun dos "principais artistas da Idade Media". A mostra, estreada hai meses no Museo do Prado de Madrid con "grande éxito", chega agora ao lugar para o que as pezas foron concibidas, onde se exhibirán ata febreiro do próximo ano. Ademais, segundo confirmaron os seus promotores, están a manterse conversas para levar a obra de Mateo a Nova Iork.

Presentación exposición Mestre Mateo
Presentación exposición Mestre Mateo | Fonte: Europa Press

A exposición repasa un período temporal de 50 anos na vida de Mestre Mateo; desde 1168, cando o rei Fernando II lle outorgou unha pensión vitalicia para que puidese centrarse nos seus traballos na Catedral, ata 1211, ano de consagración do templo.

Na mañá deste xoves tivo lugar a presentación da exposición coa presenza do director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

COLABORACIÓN CO MUSEO DO PRADO

Como destacou Quintana, a mostra sobre Mestre Mateo naceu grazas ao interese demostrado na mesma polo Museo do Prado, entidade coa que se estableceu unha "colaboración directa". De feito, o museo madrileño foi a primeira localización da exposición, realizada entre novembro e abril e cuxo prazo de exhibición tivo que ampliarse dado o éxito de público.

Entre as obras que a integran hai varias pezas recuperadas durante os traballos de restauración da Catedral, así como achegas de coleccións públicas e privadas. Ademais, inclúe esculturas que conservan restos da policromía orixinal que decoraba as figuras do Pórtico e a única pintura sobre táboa que se conserva do Mestre Mateo.

"Non é calquera exposición", resaltou o responsable da Fundación Catedral, quen convidou a "santiagueses e visitantes" a "redescubrir" o templo compostelán nun momento no que aínda se somete a obras de restauración.

Pola súa banda, Nava Castro celebrou unha iniciativa que recupera o traballo da "figura máis importante da historia da arte do Camiño de Santiago" e que ofrece "unha experiencia irrepetible" nun "escenario único".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta