Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 29/08/2010
Interésame a estes efectos analizar a diferente percepción que do comunismo hai, en primeiro lugar, nos paises que foron gobernados por reximes ditatoriais comunistas, en segundo lugar, nos paises de longa traxectoria democrática e en terceiro lugar nos paises, que como o noso, teñen unha curta traxectoria democrática e que anteriormente estiveron sometidos a ditaduras de corte fascista ou autoritario de dereitas.
Nos paises onde os cidadáns viviron en carne propia como os reximes totalitarios de ideoloxía comunista puñan en prática unha restricción total das suas liberdades civis, o que inclue o total desprezo aos dereitos humanos, en aras dun determinado dogma utópico do ideal marxista, saben perfectamente que non eran libres nen eran iguais xa que a nomenklatura burocrática do réxime gozaba de claros privilexios materiais e de todo tipo, saben tamén que o sistema de economía planificada só xerou pobreza e poden comparar perfectamente os resultados das economías de libre mercado coas economías planificadas e o resultado é que praticamente ninguén escollería vivir nunha economía planificada e nunha sociedade sen liberdade. A estes efectos a comparación das duas Alemañas ou das duas Coreas creo que fala cunha claridade que só os cegados polo seu fanatismo poden negar, pero como no leste do noso continente si se viviu, ninguén se atreve a negar a evidencia.
Neses paises do leste europeo saben tamén por experiencia propia que nazismo e comunismo son duas ideoloxías radicalmente contrarias á liberdade e que pretenden controlar todos e cada un dos detalles da vida e do pensamento dos cidadáns que perden esa condición para se convertir en súbditos, non dun rei despótico, pero si duns dogmas que os comunistas ou nazis consideraban ou consideran verdade absoluta, e que resulta ainda máis tiránico que calquera rei. A declaración de Praga - http://praguedeclaration.org/ - de 2008 senta as bases para o desmantelamento da grande mentira da pretendida bondade do comunismo en relación ao fascismo ou ao nazismo.
Calculanse en vintecinco millóns no mundo as persoas asasinadas en nome do comunismo, Stalin leva a palma, pero non é o único mandatario comunista con millares ou millóns de mortes ás suas costas, Kim Il-sung en Corea do Norte, Pol Pot en Cambodia e Mao Tse Tung na China entre moitos outros tamén perpetraron numerosos crimes en nome do comunismo. Os comunistas cren que a ditadura do proletariado debe ser empregada para derrubar a orde feudal (na Rusia de primeiros do S. XX) ou capitalista e reconstruir a sociedade e a cultura para realizar a sua utopía, para os que cren nese dogma laico, nada se debe interpor no camiño da realización desa utopía, nen sequera os vinte cinco millóns de persoas asasinadas.
No segundo grupo de paises, os de longa traxectoria democrática, nomeadamente nos paises anglosaxons, que teceron unha alianza estratéxica co comunismo soviético de Stalin para derrotar ao nazismo, o comunismo está visto como unha ideoloxía incompatible coa liberdade que é o ben máis preciado no modelo de gobernanza da democracia liberal, que pariu a cultura anglosaxona, unha vez derrotado o nazismo, o inimigo pasou a ser o comunismo real que finalmente foi derrotado pola sua incapacidade para competir coas sociedades libres e coa xeración de riqueza que só é posible en liberdade o que levou ao colapso da URSS.
No terceiro grupo de paises, onde padecimos ditaduras de dereitas, o comunismo puidose presentar, con certo éxito, como unha ideoloxía defensora dos débiles e como a ideoloxía que con máis forza se opuña á ditadura, o que unido á falta de tradición liberal propía dos paises latinos (o que explica o noso retraso relativo) fixo que a esquerda en xeral, e o comunismo en particular puidesen presentarse como únicos amigos da democracia.
En España, o fenómeno pendular que provoca o rexeitamento a unha ditadura de dereitas levou a moitas persoas, que se consideraban progresistas e demócratas, a cair nas redes dunha ideoloxía totalitaria, ainda hoxe é frecuente no noso País, escoitar a persoas da esquerda democrática comentarios dunha inaudita benevolencia e inxenuidade en relación ao comunismo, como que as pretensións e intencións do comunismo, a diferencia do fascismo, son boas, non é relevante cales eran as intencións e si o que fixeron os tiranos, ainda que é posible que Stalin crera que estaba a facer o mellor para Rusia e para o “proletariado internacional” cando asasinou a millóns de persoas, exactamente igual que Hitler cria que estaba a facer o mellor para Alemaña cando gaseaba aos xudeos e por suposto Franco cría que era urxente dar un golpe de estado no 36 para o ben de España. Resultame dificil encontrar un argumento peor fundado que o das supostas boas intencións do comunismo.
A consecuencia tan negativa dese movemento pendular no conxunto de España tivo unha plasmación moito mais dañina ainda en Galicia, a organización política daqueles que consideran que Galicia pode ser, se así o deciden os seus cidadáns democraticamente, suxeito de dereitos políticos, fixose no tardo franquismo e na transición a través de movimentos marxistas, cunha presenza predominante do comunismo, tendo como pernicioso resultado que trás o franquismo o protagonismo do galeguismo político xa non foi dun movemento político plural e de amplo espectro como o Partido Galeguista da II República, onde non había nen comunistas nen fascistas e sí había desde conservadores como Otero Pedrayo e Vicente Risco ata demócratas de esquerda como Castelao e Alexandre Bóveda, pasando por liberais como Placido Castro . O Galeguismo político surxe despois da ditadura na forma dunha frente creada e controlada polos comunistas da UPG desde o principio ata hoxe, e que debe o seu éxito relativo á manipulación para a sua comenencia particular da idea da unidade do nacionalismo, idea que non ten nengún sentido na Europa occidental do século XXI, onde nos ubicamos espazo-temporalmente, se esta unidade é nucleada desde un estremo do mapa político e non desde o centro.
As consecuencias de todo isto son devastadoras para o noso País, mentres a principal manifestación do galeguismo ou nacionalismo político esté nucleada desde a estrema esquerda o galeguismo político terá absolutamente garantida a sua marxinalidade social e política, encontro completamente insostible, dunha forma obxectiva e racional, a teoría segundo a cal a unidade de todo o galeguismo no BNG é imprescindible para que este teña unha maior incidencia, cando é moi claro, que desde esas coordenadas nunca se poderá conseguir que o galeguismo político venza electoralmente ás organizacións de ámbito estatal ubicadas ideoloxicamente, no eixo esquerda-dereita, moito máis próximas das preferencias dos cidadáns. É máis, a concentración do galeguismo político entorno a un nucleo organizativo comunista é a mellor garantía que pode ter o poder conservador para as suas maiorias absolutas por moitos anos, e polo tanto, tamén a mellor garantia de que as políticas do Partido Popular de menoscabo ás nosas liberdades individuais e colectivas terán moito campo para continuar e se profundizar, Fraga sabiao, por iso lle deu oxíxeno a Beiras cando comezaba o declive do BNG en 2001 e Feijóo sabeo tamén.