“A Wikipedia converteuse nun auténtico campo de batalla ideolóxico e intelectual”

Un estudo da Universidad Carlos III de Madrid liderado polo galego Alberto Quian mostra como esta enciclopedia libre pode servir para medir o interese público e o comportamento social sobre un tema. Os investigadores aplicaron o estudo a un termo "controvertido" como é WikiLeaks, analizando e comparando os rexistros históricos de edicións e consultas no seu 'wiki' e os fitos desta organización de filtracións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/08/2017 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

"Wikipedia é unha enciclopedia que, como todas, desde a Encyclopédie francesa, é tamén un campo de batalla ideolóxico". Con esta premisa, o investigador galego Alberto Quian — responsable de redes e ciencia de GC— e o catedrático Carlos Elías realizaron un estudo no que se propón o uso de Wikipedia como termómetro para medir o comportamento social e interese público. Nel, analizaron como un "fenómeno político e controvertido" como WikiLeaks é editado e reeditado en Wikipedia e consultado centos de miles de veces, mostrando que o "aumento desas edicións e consultas implica un incremento do interese público".

Jimmy Wales (esq.), fundador de Wikipedia, e Julian Assange, fundador de WikiLeaks.
Jimmy Wales (esq.), fundador de Wikipedia, e Julian Assange, fundador de WikiLeaks.

Os dous investigadores da Universidad Carlos III de Madrid presentan os resultados da investigación no traballo 'Wikipedia e os seus relatos colaborativos como indicador de interese cidadán', publicado recentemente na sección temática do Nº 18 da Revista Prisma Social, da Fundación iS+D para la Investigación Social Avanzada.

Os autores consideran que "ante a cada vez menor eficacia das enquisas", as consultas a Wikipedia e as tendencias das edicións dos seus contidos poden ser "outro parámetro de medida de interese público por un asunto".

MUDANZAS NA CONFIGURACIÓN DO PENSAMENTO COLECTIVO

Os profesores Quian e Elías asumen que "os lobbies e grupos de poder tentan que a súa visión dos feitos quede destacada nas definicións de Wikipedia. Definicións que inclúen conceptos, ideas políticas, científicas ou biografías", polo que "a análise de Wikipedia non é baladí". Neste sentido, salientan as mudanzas que se están a producir no campo enciclopédico: "A Enciclopedia Británica deixou de editarse en papel en 2012. E o último tomo da Espasa foi de 2013. En moitas bibliotecas públicas, ante a falta de espazo, están purgando enciclopedias en papel como a Espasa. Os estudantes consultan agora directamente Wikipedia para os seus traballos escolares ou universitarios, co beneplácito de mestres e profesores. De feito, en modernos libros de texto existen exercicios que propoñen a procura en Wikipedia".

Porén, tamén lembran que, a diferenza do que sucede coa Wikipedia, onde calquera pode ser editor, "ata o século XX, escribir unha entrada nunha enciclopedia era toda unha honra académica porque implicaba unha grande influencia". Así, "a entrada de Radioactividade na Enciclopedia Británica redactouna Madame Curie", exemplifican.

"A enorme influencia que ten unha enciclopedia na configuración do pensamento colectivo (outórgaselle máis autoridade a unha enciclopedia que a un xornal ou un libro) obsérvase no impacto na historia da humanidade da publicación da Enciclopedia francesa —a Encyclopédie de Diderot e D'Alambert—, que significou o triunfo do pensamento libre, do principio secular e da empresa privada".

Mais as cousas mudaron co "anonimato que ampara Wikipedia" e o seu modelo de enciclopedia en liña, libre, colaborativa e políglota. Nela, "existen definicións asentadas que apenas xeran debate", como "tecnicismos como protón, sintagma ou mitocondria", que "non teñen, en principio, problema ideolóxico"; porén. "outros si son controvertidos", como "transxénico, enerxía nuclear, fracking, etc.", ou se recollen entradas sobre organizacións como "Banco Mundial, Unión Europea, OTAN, CSIC", que "poden dar unha versión nos seus sitios web e existe outra na entrada en Wikipedia; ás veces escrita polos community managers das organizacións, pero tamén reeditadas por colaboradores ou traballadores que non están de acordo coa «historia oficial»", exemplifican. Tamén "moitas empresas importantes que, a través da súa influencia publicitaria, controlaban a súa imaxe nos medios tradicionais, agora non poden fiscalizar a versión que delas se ofrece en Wikipedia. Moitas expresaron a súa indignación: desde Standard Oil ata Microsoft", proseguen os investigadores.

Noutros casos existe en Wikipedia unha "auténtica batalla de ciencia-pseudociencia, por exemplo, nos termos homeopatía ou vacinas, e iso, obviamente, tamén ocorre en entradas biográficas, históricas e políticas", argúen os autores do estudo, que engaden: "Quizá a biografía de Velázquez non xere controversia, pero si a de Felipe II, Franco, Rodríguez Zapatero, Felipe González ou José María Aznar".

ESTUDO DO CASO WIKILEAKS

A idea de Wikipedia, lanzada en xaneiro de 2001, transformouse "nun dos proxectos máis influentes en todo o mundo, non só desde o punto de vista cultural, como correspondería a unha enciclopedia, senón que en termos controvertidos —desde homeopatía ata Hugo Chávez—", converténdose nun "auténtico campo de batalla ideolóxico e intelectual". Para comprobalo, os investigadores propuxeron documentar que magnitude ten ese fenómeno de editar e reeditar a entrada en Wikipedia dun termo controvertido e de actualidade como WikiLeaks, con grande impacto en medios convencionais de todo o mundo. A iso sumaron o interese que esa produción xera na opinión pública, medindo o volume de consultas no tempo. E identificaron as datas de máxima actividade con sucesos relacionados coa historia de WikiLeaks e recollidos na prensa. 

"O uso de Wikipedia como fonte de datos aplicouse na monitoraxe de tendencias de enfermidades estacionais en Estados Unidos e Francia, demostrándose que Wikipedia pode considerarse unha interesante fonte de datos complementarios, especialmente cando os sistemas tradicionais de vixilancia non están dispoñibles en tempo real", describen os investigadores, que trasladaron esa perspectiva médica ao debate social e político sobre un fenómeno concreto: "Usamos Wikipedia como fonte de información sobre un tema de actualidade exposto nos medios convencionais e a tendencia nas súas edicións para a composición do relato público sobre que é WikiLeaks, organización que se inspirou na natureza colaborativa de Wikipedia, coa que comparte esencias da cultura hacker", xustifican.

Para analizar as tendencias de edicións e consultas usaron os metadatos da entrada de WikiLeaks en Wikipedia, para determinar as curvas de interese e demostrar que existe unha relación entre estas e a presenza dun fenómeno como WikiLeaks en medios tradicionais. Así mesmo, utilízaron estas edicións e os períodos de maior número de consultas en Wikipedia do termo WikiLeaks para realizar unha análise retrospectiva deste fenómeno político e da cultura hacker, identificando os momentos históricos nos que aumentaron a edición e as consultas, é dicir, "como a intelixencia colectiva se une para crear un relato colaborativo do que é WikiLeaks e impacta na opinión pública".

Os resultados mostraron que os picos máximos de edicións e de consultas da entrada de WikiLeaks en Wikipedia coincidiron co Cablegate, isto é, a publicación a finais de 2010 de máis de 250.000 cables diplomáticos de Estados Unidos filtrados, para a cal WikiLeaks se asociou con cinco grandes xornais do mundo: The New York Times (Estados Unidos), The Guardian (Reino Unido), Le Monde (Francia), Der Spiegel (Alemaña) e El País (España). En decembro dese ano, o fenómeno WikiLeaks acadou o seu apoxeo en Wikipedia, con case seis millóns de consultas e o seu máximo de edicións, cifras nunca antes nin despois acadadas, segundo os datos analizados no estudo.

Os investigadores manteñen que "a Wikipedia é un campo de batalla ideolóxico para termos controvertidos que se editan e reeditan en función do fragor da controversia nos medios". Tamén afirman que se trata dun "medio informativo que se consulta cando a opinión pública quere ter outra visión do que le nos medios". E por último, e "a pesar de que pareza que están desconectados, unha organización tipicamente 2.0 como WikiLeaks depende dos medios tradicionais mainstream", sen os cales "as filtracións non teñen relevancia", afirman tras comparar os datos en Wikipedia cos resultados dun estudo seu previo sobre o impacto de WikiLeaks nos medios convencionais, o tráfico web, as procuras en Google e as redes sociais.

Polo tanto, atoparon relacións entre o interese por editar e por consultar o termo WikiLeaks en Wikipedia e os momentos de máxima tensión informativa nos mainstream.

"Os nosos traballos previos demostraron que os cinco periódicos que se agruparon para publicar o Cablegate —The New York Times, The Guardian, Le Monde, Der Spiegel e El País— foron determinantes na popularización de WikiLeaks, que alcanzou o seu máximo impacto a finais de 2010, grazas á prensa tradicional. Agora, os datos obtidos das edicións e visitas da entrada de WikiLeaks en Wikipedia mostran unha alta correlación con aqueles outros, de maneira que os momentos de maior actividade no wiki —tanto na súa edición como en consultas— correspóndense cos de maior volume de procuras en Google, maior tráfico no sitio web oficial de WikiLeaks e maior adhesión e mencións en redes sociais, coincidindo coa súa colaboración en exclusiva con cinco dos xornais máis influentes do mundo, editados en catro dos idiomas máis populares e poderosos, política e economicamente, en Occidente: inglés, francés, español e alemán".

A proposta destes profesores é que "a exposición nestes medios convencionais aumentou o interese en WikiLeaks, causando un aumento no volume de procuras en Google, que á súa vez xeraron unha avalancha de consultas á entrada do termo WikiLeaks en Wikipedia e unha intensa actividade editora entre os wikipedistas, condicionada polas noticias que se sucederon nos medios xornalísticos sobre esta organización". Ademais, "este aumento das procuras de información en Google e Wikipedia xeraron tamén un maior interese na fonte orixinal, contribuíndo a que se disparase o acceso ás súas canles de comunicación (páxina web e redes sociais de WikiLeaks). Rotas as relacións con estes cinco periódicos, WikiLeaks non logrou igualar as cotas de interese conseguidas a finais de 2010", conclúen.

Os investigadores recoñecen que "queda aberta a hipótese de se o significado de WikiLeaks xa era coñecido pola opinión pública despois do Cablegate, o cal rebaixaría o interese na consulta da súa entrada en Wikipedia". Con todo, observaron que "foi precisamente coincidindo coa maior exposición en prensa de grandes filtracións e de acontecementos controvertidos relacionados co fundador de WikiLeaks" —Julian Assange— cando "se rexistran maiores niveis de actividade no wiki, tanto en edicións como en consultas". Ademais, "cada acontecemento chave na historia de WikiLeaks nos medios de masas coincide cun repunte na actividade na súa entrada de Wikipedia", apuntan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta