Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/08/2017 | Actualizada ás 10:12
O número de golfiños en augas de Galicia mostrou nos últimos dez anos un incremento medio de aproximadamente un 9,6% ao ano. Así o constata un estudo sobre a poboación do Delphinus delphis realizado por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo e o de Málaga, do Campus do Mar da Universidad de Vigo, do Southwest Fisheries Science Center do National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) en California, do centro tecnolóxico AZTI-Tecnalia do País Vasco, do CSIC en Vigo, do Oceanlab da Universidade de Aberdeen (Escocia) e do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro, en Portugal.
As estimacións dos científicos cifran en 12.831 exemplares a abundancia media de golfiños en augas galegas para o período de estudo, entre 2007 e 2016, sendo o valor estimado do primeiro ano de 8.183,2 golfiños e a abundancia do décimo ano de 17.961. A tendencia axustada mostrou un incremento de 1.086,4 golfiños ao ano, supoñendo un incremento medio anual dun 9,6%. Ademais, o tamaño medio estimado dos grupos de Delphinus delphis avistados é de 16,6 exemplares.
Malia o incremento da poboación desta especie, o informe, baseado en estimacións sobre os datos de estudos multidisciplinares, tamén advirte dunha importante porcentaxe de golfiños mortos, vítimas de capturas incidentais, que supera o límite máximo permisible baixo os criterios do convenio OSPAR (Convención para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico Nordeste), adoptado como un indicador para a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña da Unión Europea.
Con todo, a tendencia positiva da poboación leva a concluír que o golfiño común se atopa nun "bo estado ambiental" en augas galegas.
Os científicos esclarecen que "o aumento da abundancia observado pode ser un reflexo dunha tendencia a nivel poboacional ou simplemente ser o resultado de cambios na distribución debido a movementos a curto prazo en resposta a cambios na abundancia de presas, condicións ambientais, eventos oceanográficos ou ameazas que operan noutras áreas onde se distribúe a poboación".
O estudo, titulado 'Assessing the Environmental Status of the short-beaked common dolphin (Delphinus delphis) in North-western Spanish waters using abundance trends and safe removal limits', pubícase revista Progress in Oceanography.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.