Por Fermín Paz | Ferrol | 05/10/2017
Calquera proceso político ten o seu ritmo e contradicións. Convén non instalarse na anécdota e priorizar o principal ao secundario. Xa haberá tempo para dilucidar acertos e erros. Unha vez mais os acontecementos decidirán a inclinación da balanza. Se isto é asi, atentos ás accións e reaccións.
A secuencia histórica destes procesos ten en común que un actor di a outro que está ao marxen da lei. A resposta do acusado é que quen fai a lei fai a trampa. Logo para tratar de corrixir a desfeita toman decisión uns e outros. No remate desta secuencia sempre atopamos un desastre e case que sempre un mal maior. A historia falará e xustificará segundo a autoría da escrita.
Como calquera proceso dialéctico terá adiantes e ceacús ao longo da súa andadura. Esta será longa, sen dúbida, mais a moeda xa non poderá caer de canto. Ningunha das partes pode, nin vai negociar. O que fixo cada actor intervinte no conflito fíxoo adrede, e así seguirá a ser. Non tentemos enganar.
A ofensiva que prepara o goberno do Estado está servida. Non sei cal será a via que vai empregar, nin cando se vai proclamar a independencia catalá. O xogo coas palabras "proporcional" e "proporcionado" rematou. Pero ambas decisións estanse fraguando. As datas carecen de importancia.
O fundamental, chegados aquí, é que non será posible acomodarse para sentarse e pactar nas mesmas condicións que fixeron antes os protagonistas dunha época que toca ao seu fin. Aquel tempo pasou e 1978 é un alicerce colapsado.
É lóxico tamén pensar que o proceso catalán vai provocar reagrupamentos tanto a favor como nos confrontos ao goberno. Quizais, ao tempo, unha crise nos partidos políticos sistémicos (mais que nos demais,) desemboque nun novo realiñamento no mapa dos afectos e dos sentimentos.
Non só veñen ventos furacanados para a esquerda. A natureza do conflito é de tal magnitude que ampliará a súa influencia cara á dereita (extremándoa en parte, dividíndoa) e ao conxunto da sociedade. A maioría silenciosa vaino ter moi difícil para habilitarse e ser un "argumento" político.
Poida que desta vez se cheguen a confrontar, dunha vez, as necesidades máis urxentes das clases populares, a forma de goberno e as soberanías dos pobos, se é que a loita se fai desde abaixo cos sectores que saen a pelexar.
Podería minimizar o conflito e illalo en Cataluña sen poñer de manifesto os intereses de cada clase social, pero non o vou facer. Se de algo estou seguro é de que o tempo que vén vai dar unha oportunidade aos que o sistema ten desatendidos. É a hora dun verdadeiro axuste no Estado Español. Os abandeirados do "novo" poderán plasmar en accións o eixe "abaixo-arriba".
.
Non creo que haxa máis oportunidades para as xeracións que hoxe habitamos neste territorio. Ou as deixamos pasar ou enfrontamos este axuste politico para cambiar a correlación de forzas. É unha posibilidade que ten o movemento obreiro e popular para avanzar cara á liberación nacional e social.
Dá arrepío pensar que o que se puido facer votando agora vaise afrontar pola forza e adrede.