Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2017 | Actualizada ás 14:23
Catro deputados do sector oficial de Podemos (Carmen Santos, Juan Merlo e Magdalena Barahona) e a líder de Esquerda Unida, Eva Solla, votaron distinto aos seus compañeiros de En Marea nunha proposta do Bloque sobre o conflito catalán no Parlamento galego. En concreto, nesta iniciativa presentada no Debate sobre o Estado da Autonomía, o BNG pedía respectar "o dereito de autodeterminación dos pobos e a vontade expresada polo pobo catalán no referendo".
Precisamente, este punto referido a "respectar a vontade expresada polo pobo catalán no referendo" é o que xerou as discrepancias no seo do grupo instrumental. E é que tal e como explicaron fontes da formación morada, Podemos Galicia defende que a consulta sexa "pactada e con garantías" e consideran que a redacción do BNG podería dar validez á votación do 1 de outubro cuxo resultado, para eles, non é lexítimo.
A pesar desta discrepancia que foi debatida no seo do Grupo Parlamento de En Marea e que motivou que o viceportavoz Antón Sánchez pedise a votación da resolución por separado doutras, as mesmas fontes enmarcaron as diferenzas respecto desta cuestión "na normalidade" dentro do funcionamento dun espazo de unidade popular con distintas sensibilidades.
Con todo, a proposta dos nacionalista galegos, que tamén condenaba a "vulneración dos dereitos e as liberdades fundamentais e a violencia exercida polo Estado español contra o pobo de Cataluña", foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular e o PSOE, a abstención deste catro deputados e o apoio dos 10 restantes parlamentarios de En Marea e os do BNG.
Esta é a primeira vez no que vai de lexislatura que os parlamentarios de En Marea expresan as súas diferenzas nas votacións na Cámara.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.