Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/10/2017 | Actualizada ás 21:58
Todos os grupos da oposición en Galicia valoraron a oferta de diálogo realizada este martes polo presidente catalán, Carles Puigdemont, ao Goberno español e a outras institucións europeas para resolver a crise aberta en Cataluña tras o referendo de independencia celebrado o pasado 1 de outubro. Un diálogo sobre o que, polo momento, o PPdeG evita pronunciarse á espera de saber en que consiste a proposta do presidente catalán.
“O que pasou hoxe é unha oportunidade para o diálogo e non hai que desaproveitala”, destacou o líder de En Marea, Luís Villares, en declaracións a GC. Así, lembrou que esta postura de dialogar para solventar a crise institucional, política e social que vive Cataluña “é a que leva defendendo en Marea desde hai tempo”. “E iso non quita que apoiemos, como tamén o facemos para Galicia, o dereito a decidir”, indicou.
"Queremos un referendo con todas as garantías, para que todo o mundo se poida sentir cómodo e para ter unha foto nítida da vontade popular", dixo apelando ao acordo para a celebración dunha nova consulta con garantías.
Por iso, Villares advertiu ao Goberno español a que non se enroque nunha postura de non falar e “non tender a man” á Generalitat. “Houbo un movemento moi interasante que é a posiblidade dunha saída dialogada. Agora o Estado ten que saír do seu inmobilismo e non é o momento de medidas coharcitivas. Puigdemont e o pobo catalán fixeron unha oferta clara de diálogo e hai que escoitalos”, sinalou.
O "máis sensato"
Tamén o voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga dixo que a apelación ao diálogo do presidente Puigdemont foi o “máis sensato” que puido facer. Non obstante, tamén recoñeceou o “confuso” das súas declaracións. “Supoño que afectaron na súa decisión os acontecementos das últimas horas, coa manifestación do domingo e a fuga de empresas”, indicou en declaracións a GC.
En todo caso, recoñeceu que a súa apelación ao diálogo “non é nada clara”, porque “non hai prazos, nin vías concretas, nin interlocutores, nin nada”. “Se quere dialogar pode utilizar o Parlament. Se quere reformar o Estatut pode facer unha proposta desde o Parlament e mandala ao Congreso. Esa é a mellor vía”, indicou ao suliñar que a legalidade da proposta do president é “moi, moi discutible”.
“Agora o que haberá que facer é intentar esgotar as vías de diálogo e tomar o ofrecemento que fixo e tentarlo atraer a un espazo da legalidade, pero senón é así pois o goberno ten a defender a legalidade”, engadiu.
Pola súa banda, o BNG reaccionou á comparecencia de Carles Puigdemont mostrando o seu recoñecemento á "lexitimidade democrática das decisións e acordos do Parlamento" de Cataluña e instou ao Goberno central a iniciar un "diálogo político".
BNG e Anova
Nun comunicado emitido tras a intervención de Puigdemont, o Bloque recoñeceu "a lexitimidade democrática das decisións e acordos do Parlamento catalán, espazo da representación política soberana do pobo de Cataluña". O BNG chamou a "sumar voces e opinións" desde a sociedade galega "en favor do diálogo e dunha resolución pacífica e democrática do conflito político aberto". "Sempre desde o recoñecemento pleno do dereito a decidir e da plena capacidade para exercer na práctica ese dereito", subliñou.
"Consecuentemente", reclama que acepte "o dereito das nacións" que hoxe forman "parte del a decidir e a exercer, no seu caso", a "plena autodeterminación". "De non facelo, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase", avisa.
Pola súa banda, Anova lembrou que o 1-O demostrou a "baixa calidade democrática do Réxime do 78”. Por iso, reprobou a actitude "irresponsábel e ultra de Feijoó que saltándose o seu papel institucional se adicou a crispar en vez de adoptar un rol pacifista". Desde Anova denunciaron que se aproveitou o procés para atacar dereitos e liberdades e recortar os dereitos civís de toda a cidadanía no estado.
“Unha vez escoitada a iniciativa de diálogo proposta hoxe, cremos que non ten ningunha razón de ser a posíbel tentación do estado de camiñar cara cara un estado de excepción, aplicar o 155 ou insistir na criminalización da decisión do pobo de Catalunya. A vía autoritaria é tan só a expresión do fracaso do Goberno de Rajoy para enfrontar a crise política do Réxime do 78", suliñou nun comunicado.
PPdeG
Os populares galegos evitaron, polo momento, pronunciarse sobre as palabras de Puigdemont. “Primeiro temos que coñecer cal é a oferta de diálogo e, sobre todo, o que queren firmar e quen o firma”, indicaron fontes oficias deste partido a GC sobre a suposta declaración de independencia de Cataluña.
Durante a mañá deste martes, o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, admitía que a "esperanza" de que se poidera normalizar a situación era "máis feble cada hora que pasa", xa que "parece" que as decisións encamiñadas a "forzar ao máximo a alteración da orde constitucional" xa estaban "adoptadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.