Por Galicia Confidencial | Baiona | 13/10/2017 | Actualizada ás 11:51
O concello de Baiona promove, na parroquia de Baredo, a construción dun "complexo deportivo" con campo de golf incluido, nunha superficie de case 70 hectáreas en plena Serra da Groba. Esta infraestrutura, da que xa informou GC, tería un custo de máis de 14 millóns de € (para un concello cuxo orzamento anual é de 8,5M€), demandará tanta auga como toda a consomida pola veciñanza do concello.
Por iso, Adega denuncia que se trata dun malgasto innecesario en época, ademais, de máxima seca. "Chama a atención que aínda haxa concellos que apostan por estes proxectos miragre para reactivar a economía municipal", critica. Neste sentido, asegura que estes proxectos son propios dos anos da burbulla inmobiliaria e que fracasaron. E pon exemplos; o Aeroclube de Vigo, con importantes débedas ou na mesma Baiona o clube de tenis Monte Real, que crebou en 2009. Ademais, sinala que o número de golfistas federados segue decrecendo, polo que o principal soporte económico do negocio redúcese cada día.
O consumo de auga deste campo de 18 buracos será de 500.000 m3/ano. Esta cantidade equivale ao consomido por unha poboación de 10.000 habitantes e multiplica por 5 o máximo permitido polo vixente Plano Hidrolóxico para o uso recreativo por rega desa superficie. "Tal demanda de auga nun contexto de seca hidrolóxica, cuxa frecuencia e intensidade non fará máis que aumentar, fai que este proxecto non poida cualificarse máis que de demencial e delirante", indica a organización ecoloxista.
Contaminación da terra
Tamén denuncia o uso intensivo de agrotóxicos, que rematarán intoducíndose na cadea alimentar tanto das áreas augas abaixo do campo como na mesma costa. Así, destaca que un campo destas características consome unhas 49 toneladas por ano de fertilizantes ademais de toneladas de herbicidas, funxicidas, nematicidas, aracnicidas ou mesmo rodenticidas. "A súa toxicidade é variábel, mais cando falamos de grandes superficies con numerosos mananciais e regatos, acontece que todo este arsenal químico ameaza moi seriamente a potabilidade deste recurso vital", engade. A cuestión agravariase, suliña, coa proximidade á costa, especialmente cun litoral de inmensa riqueza pesqueira e marisqueira.
"Moitos dos campos de golf que xurdiron por toda a costa durante o boom do ladrillo non teñen sentido sen un desenvolvemento urbanístico paralelo en forma de novos espazos residenciais (caso dos fallidos Costa Anácara en Miño, e os proxectos de Camariñas, Porto do Son, Nigrán, Ogrobe, etc.). O campo de golf funciona como unha excusa e un engado para especular cos prezos das vivendas, manobra trala que non poucas veces agóchase a corrupción. Cabe preguntarse se non vai acontecer o mesmo con este proxecto en Baiona e canto vai tardar en agromar un desenvolvemento urbanístico na zona", engade nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.