Diferencias no PSdeG pola falta de intregración do sector de Villoslada

O novo secretario de Organización, José Antonio Quiroga, ve "esaxerada" a representación que pedía Villoslada e asegura que a "integración" se fará "día a día".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2017 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

Non pasou un día desde a elección da nova Executiva do PSdeG e xa hai problemas. O novo secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, opinou este luns que a cota de representación na Executiva que pretendía o sector de Juan Díaz Villoslada , no que está o sector --agora crítico-- da Coruña e Lugo, principalmente, era "esaxerada", ao tentar copar un 42 por cento dos postos en consonancia co seu resultado nas primarias que perdeu.

José Antonio Quiroga, secretario de Organización do PSdeG
José Antonio Quiroga, secretario de Organización do PSdeG | Fonte: PSdeG-PSOE

É por este motivo que, como explicou o tamén deputado lucense nunha entrevista concedida á Radio Galega, ao presentar unha proposta que "non tiña moita lóxica", ese equipo quedou fóra dos novos órganos de dirección do PSdeG. "Teñen que desaparecer as etiquetas", engadiu en declaracións posteriores, á vez que subliñou que "non é o fundamental" contar ou non con presenza na executiva. Si o é, ao seu xuízo, "a integración" de todas as sensibilidades, algo que, asegurou, irase producindo "día a día".

Precisamente ao fío diso, Quiroga sinalou que a presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, a viguesa Carmela Silva, entre os enviados polo PSdeG ao Comité Federal "hai que interpretala como unha recuperación da normalidade orgánica".

"RECUPERAR A NORMALIDADE"

Máis aló dos postos directivos, o que admitiu o xefe do aparello socialista é que o novo equipo ten "bastante traballo" para superar a "provisionalidade" na que estaba inmerso o PSdeG após un ano e medio liderado por unha xestora.

"Agora hai que recuperar esa normalidade interna", incidiu, á vez que deu por feito que o novo secretario xeral, Gonzalo Caballero, será capaz de "rearmar o proxecto socialista e preparalo para ter bos resultados electorais". É máis, do economista vigués nado en Ponteareas eloxiou que se trata "dun auténtico líder" e destacou tamén que "está a conectar coa militancia e coa rúa".

NOVAS ESTRUTURAS

Dito isto, José Antonio Quiroga indicou que, unha vez celebrado o congreso autonómico, toca renovar as direccións provinciais e locais do PSOE en Galicia. "Vainos a permitir crear un dinamismo que empate co sentir da rúa e coas necesidades da xente", profundou.

Após lembrar que os procesos provinciais teñen como data tope o 31 de xaneiro, centrouse en Lugo, a súa provincia, para dar por feito que terá lugar "antes" de que termine o ano. "Non hai moito tempo, pero farémolo con suficiente calma para tratar de facer as cousas ben", apostilou, despois de que non fose admitida a proposta da xestora do PSOE na provincia de Lugo de fixar as súas primarias para o 26 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xenebra en Reborainasworld

Coma ousan estes interromper o noso marabilloso Camelot. Por certo, faleivos xa da petición da medalla Castelao para Beiras e Pablo Iglesias. Axudaime, non me deixedes soa. Nostrus, o de axudaime é un xesto de simpatía para ti.