O Monte Pindo, último reduto do carballo anano en Galicia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas fai público un estudo sobre a conservación do Quercus lusitanica, especie en perigo de extinción. Galicia Confidencial adiantou en exclusiva os resultados hai catro meses.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/11/2017 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas desenvolveu e puxo a punto un protocolo para a conservación in vitro do carballo anano (Quercus lusitanica), especie emblemática que en Galicia se atopa unicamente nas ladeiras do Monte Pindo (Carnota). Agora, o CSIC fai públicos os resultados deste estudo que Galicia Confidencial adiantou hai catro meses, en exclusiva.

Exemplares de Quercus lusitanica (carballo anano) que resistiron o lume no Monte Pindo
Exemplares de Quercus lusitanica (carballo anano) que resistiron o lume no Monte Pindo | Fonte: Asociación Monte Pindo Parque Natural.

O traballo de investigación, cuxo fin último é contribuír a evitar a desaparición da especie en Galicia, desenvolveuno o Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela) e contou coa colaboración da Asociación Monte Pindo Parque Natural e de Emilio Carral, da Escola Politécnica de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela).

"O Monte Pindo, xunto coa praia de Carnota, forma un espazo natural catalogado como de Importancia Comunitaria que se atopa incluído na Rede Natura 2000. A difícil accesibilidade do Monte Pindo gardou durante séculos un conxunto natural único pola súa flora, entre a que destaca o carballo anano. Con todo, nos últimos anos incrementáronse as agresións a este espazo natural, entre as que destacan os graves incendios acaecidos no verán do 2013, que calcinaron máis de 2.300 hectáreas das 4.428 da paraxe natural. A reducida presenza do carballo anano  e a tremenda deterioración do seu hábitat fixo que fose incluída no Catálogo de Especies Ameazadas", explican desde o CSIC Carmen San José e Elena Corredoira.

"A conservación ex situ dos recursos forestais cobra cada vez máis importancia para o mantemento da biodiversidade. Dentro dos métodos de conservación ex situ cabe destacar o papel, cada vez máis importante, da micropropagación", indican

"Neste contexto, a biotecnoloxía vexetal mediante as técnicas de cultivo in vitro ofrecen unha vía alternativa para a conservación do carballo anano. Esta técnica ten a vantaxe de que se necesitan partes moi pequenas da planta para iniciar os cultivos, non afectando así as poboacións naturais. Dentro dos métodos de propagación in vitro podemos destacar a proliferación de xemas axilares, que resulta altamente eficaz para a propagación das especies e garante a súa fidelidade xenética, permitindo clonar exemplares de árbores seleccionadas que poden ser posteriormente utilizados para a repoboación dos ecosistemas deteriorados", destacan.

O estudo realizouse empregando ramas de árbores que sobreviviron ao incendio que arrasou a zona no verán do 2013 e cuxos brotes se empregaron nos laboratorios do IIAG para a iniciación dos cultivos in vitro.

"Os resultados revelan que as microplantas que obtivemos poden ser transferidas ao invernadoiro e de aí ao campo con porcentaxes de supervivencia superiores ao 70%", destacan.

MÁIS DETALLES ADIANTADOS POR GC EN XULLO

Galicia Confidencial adiantou en xullo deste ano explican que este estudo supón "a primeira vez que se presenta un protocolo simple para a micropropagación e conservación a curto prazo de Quercus lusitanica, unha especie endémica e en perigo de extinción que se atopa en hábitats moi restrinxidos da Península Ibérica e do Norte de África", como explican os autores no seu artigo publicado na revista científica Trees.

Este é o primeiro estudo que define un método simple para a micropropagación desta especie a través da proliferación de brotes axilares, utilizando un protocolo de enraizamento e aclimatación de alta frecuencia. 

Os resultados do estudo, como adiantou GC, "parecen indicar un bo potencial para a aplicación de técnicas de micropropagación no carballo anano de orixe madura", ofrecendo esta tecnoloxía desenvolvida en Galicia "excelentes oportunidades e ferramentas para a rápida reposición e conservación" desta especie na súa contorna natural, ademais de "proporcionar unha plataforma para profundar na investigación desta emblemática especie en perigo de extinción", salientan os científicos do CSIC no seu traballo publiado.

Máis detalles do estudo, no artigo publicado por Galicia Confidencial o 14 de xullo de 2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta