A balea azul que percorreu 2.000 quilómetros para alimentarse en augas galegas

O exemplar identificado en outubro polo BDRI chegou a Galicia dende as Azores, tras percorrer uns 2.000 quilómetros en menos de tres meses.

Por Alberto Quian | O Grove | 15/11/2017 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

A presenza por vez primeira en augas de Galicia de baleas azuis ten abraiada á comunidade científica. Dende setembro foron avistados exemplares alimentándose na nosa costa: ría de Muros e Noia, Ons, Corrubedo... 

A balea azul que percorreu 2.000 quilómetros para alimentarse en augas galegas
A balea azul que percorreu 2.000 quilómetros para alimentarse en augas galegas | Fonte: BDRI.

Agora, os científicos do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, xa saben que un exemplar de Balaenoptera musculus identificado por este grupo de investigación as pasadas semanas chegou a Galicia dende as Azores, percorrendo uns 2.000 quilómetros en menos de tres meses

"Unha das baleas azuis identificadas polos investigadores do BDRI foi capturada facendo unha viaxe de 2 000 quilómetros a través do Atlántico en menos de tres meses", explican os científicos.

Grazas á cooperación entre o BDRI e os investigadores do Mingan Island Cetacean Study de  Canadá —responsable do catálogo de baleas azuis no océano Atlántico—, púidose confirmar que o exemplar identificado o 9 de outubro en Galicia fora previamente visto alimentándose nas Azores durante o verán.

"Esta balea percorreu case 2 000 quilómetros nun tramo do seu percorrido nun período inferior a tres meses... O noso equipo avistou a mesma balea outras tres veces en Galicia ata novembro", subliñan dende o BDRI.

"Estes resultados salientan os beneficios da colaboración entre científicos e organizacións de investigación de diferentes países", engaden os científicos.

Este exemplar de Balaenoptera musculus foi identificado en Galicia o 9 de outubro pasado, a entre seis e oito millas de Corrubedo. Trátase dun grande exemplar duns 25 metros de lonxitude ao que os científicos puideron acompañar durante varias horas, durante as cales tomaron fotografías e este vídeo que o BDRI cedeu a GC para a súa publicación.

GALICIA, UN NOVO PARAÍSO PARA AS BALEAS

As augas galegas estanse convertendo nun paraíso para os grandes cetáceos, como o demostra a presenza das baleas azuis —o animal máis grande do mundo, en perigo de extinción—. Os científicos do BDRI protagonizaroncatro avistamentos en Galicia en apenas un mes e medio. Algo inaudito. Á presenza destes especimes súmase o avistamento doutras especies de baleas nunca antes vistas en augas galegas. Os membros do BDRI chegaron a identificar 60 exemplares de até cinco especies distintas, "unha situación case única no mundo", din.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta